Estás en:Emprego

Formoso destaca en Mundos Digitales o “apoio constante da Deputación ao talento e a innovación”

O presidente da Deputación visitou en Palexco o congreso internacional, que conta coa colaboración da institución provincial

Empresas e expertos líderes do audiovisual participaron no plató Coruña Estudo Inmersivo no encontro Virtual Production Colective

Formoso destaca en Mundos Digitales o “apoio constante da Deputación ao talento e a innovación”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe na compaña da deputada de Emprego, Rosa Ana García, o XXIII Congreso Internacional de Animación, Efectos Vituais e Novos Media, Mundos Digitales, que se celebra esta fin de semana en Palexco. Ambos puideron coñecer, da man do director do evento, Manuel Meijide, os proxectos que desde o xoves se están a presentar nos diferentes estands.
Formoso destacou durante o percorrido por Palexco, onde ten lugar o congreso, "o apoio constante da Deputación ao talento e á innovación", que neste caso se traduce na estreita colaboración que a institución provincial vén mantendo con Mundos Dixitais ao longo dos últimos anos.
O presidente achegouse á feira de emprego que se desenvolve no marco do congreso, e que lles serve ás empresas do sector para captar talento. Alí valorou o pulo do audiovisual dentro da industria cultural galega, nun momento no que as máis de 700 empresas do sector superan os 400 millóns de euros de facturación, e no que máis de 4.500 persoas traballan nas producións que se realizan en Galicia.
Tamén mostrou a súa satisfacción por que a Deputación da Coruña poida contribuír a consolidar esa tendencia á alza impulsando unha infraestrutura punteira coma o plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI). Esta é a primeira edición do evento tras a inauguración das instalacións situadas na Cidade das TIC, unha iniciativa da institución provincial que se está a dar a coñecer estes días entre os profesionais que se achegan á Coruña con motivo da convención, unha das máis importantes non só a nivel nacional, senón tamén europeo.
O CEI, que a Deputación levantou en tempo récord, implicou un investimento de 9 millóns de euros que se cofinanciaron cunha partida propia da Administración provincial e fondos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. As instalacións son xestionadas agora por Pedralonga Estudios, unha empresa participada polo Clúster Audiovisual Galego e destacadas firmas dese ámbito.
Mundos Digitales está reunindo estes días na Coruña a numerosos profesionais internacionais e empresas, con preto de 70 relatorios, proxeccións e encontros. O evento deste ano presta especial atención á produción virtual, con conferencias sobre proxectos pioneiros dese ámbito ou a presentación do AI Asemble, unha nova asociación para a aplicación da intelixencia artificial ás industrias creativas. A animación é outro dos puntos destacados do congreso, que nesta ocasión ten como imaxe á marca transmedia Yugibao.

Encontro no CEI
Coincidindo co congreso, o CEI acolleu esta tarde o primeiro encontro internacional Virtual Production Collective, que reuniu a profesionais, empresas e expertos líderes de todo o mundo para compartir experiencias, debater sobre tecnoloxías emerxentes e promover o intercambio de coñecemento especializado.
A Deputación da Coruña organizou o evento co obxectivo de fortalecer vínculos e establecer un punto de colaboración dentro dun sector que se atopa en plena expansión na provincia. Tamén serve para dar a coñecer a produtores e produtoras as instalacións e servizos que lles brinda o maior plató virtual de Europa, equipado coa tecnoloxía máis vangardista, como referencia para futuros proxectos.
A deputada de Emprego, Rosa Ana García, asistiu á apertura dun foro no que referentes nacionais e internacionais do audiovisual analizaron as oportunidades, os desafíos e os casos de éxito vinculados ao uso de escenarios virtuais en cine, televisión, publicidade e outros formatos emerxentes.
García destacou que este evento é unha nova mostra do firme compromiso da Deputación co audiovisual galego e da aposta por situar á provincia coruñesa nunha posición de liderado en canto á xeración de contidos a nivel global, fomentando o emprego no ámbito dixital e tecnolóxico dentro do sector, ademais da competitividade das empresas.
Sobre o plató virtual, explicou que se trata dunha "aposta pioneira" que aspira a se converter nun "piar fundamental" para o crecemento e a consolidación do sector audiovisual na provincia coruñesa. Del destacou que conta cunha superficie de 2.000 metros cadrados, dos que 800 están ocupados polo plató inmersivo, "equipado coa tecnoloxía máis vangardista en realidade virtual, aumentada e estendida". Iso permite crear, segundo precisou, "escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X