Estás en:Emprego

A deputada de cultura, Natividade González, participa na homenaxe a Castelao do Festival Atlántica

O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres acolle hoxe unha lectura pública da obra de Castelao nun acto colectivo de memoria, cultura e compromiso

"Dende a Deputación da Coruña asumimos o compromiso de apoiar a cultura do país como unha forma de facer patria. Porque non hai nación sen imaxinario compartido, sen relatos que nos unan, sen palabras que nos expliquen. Por iso actos como este son tan necesarios: porque nos axudan a seguir nomeando Galiza en presente e en futuro" sinalou a deputada durante a inauguración

A deputada de cultura, Natividade González, participa na homenaxe a Castelao do Festival Atlántica

O Festival Atlántica continúa este martes, 1 de xullo, en Santiago cunha xornada que une memoria, participación e reivindicación colectiva, e que contou coa participación da deputada de cultura, Natividade González, que asistiu ao acto inaugural da lectura pública Como dicía Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres xunto a Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia e Francisco José Prieto Fernández, arcebispo da Diocese de Santiago. Lectura que continuará ata as 20:30 h, coa participación activa de cidadáns e representantes de institucións clave da vida cultural galega.

A deputada sinalou que é " unha honra" participar na homenaxe, "neste espazo tan cargado de sentido para a nosa historia colectiva. Aquí, onde repousan tantas figuras que loitaron por facer de Galiza un país digno, libre e con voz propia, celebramos a forza da palabra e o legado dun dos nosos grandes mestres". Natividade González sinalou que Castelao "foi moito máis ca un artista ou un escritor. Foi, ante todo, un patriota. Alguén que puxo o mellor do seu talento,o trazo, a palabra, a intelixencia, a ironía ao servizo dunha causa colectiva: a construción dunha Galiza dona de si, culta, xusta e ceibe".

"Hoxe recuperamos os seus textos non como pezas de museo, senón como ferramentas vivas. Porque a obra de Castelao non é só memoria, é guía. Lévanos a pensar na lingua como columna vertebral da nación. Na cultura como espazo de resistencia. No compromiso como deber cívico", engadiu. E, para rematar, puxo en valor o compromiso da Deputación no apoio "á cultura do país como unha forma de facer patria. Porque non hai nación sen imaxinario compartido, sen relatos que nos unan, sen palabras que nos expliquen. Por iso actos como este son tan necesarios: porque nos axudan a seguir nomeando Galiza en presente e en futuro".

O acto completarase con concertos a partir das 21h. Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X