A Deputación entrega os galardóns aos gañadores do XIV concurso de relatos #HoxeEscriboEn 2026
A Biblioteca Provincial acolleu esta tarde o acto de entrega da décimo cuarta edición do certame literario e turístico, que outorgou os tres primeiros premios a Xairo Campos Blanco (Carballo), Sonia Corral Franco (As Pontes) e Xosé María López Fernández (As Pontes)
O vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividade González, foron os encargados de entregar os premios aos gañadores dunha edición que rexistrou unha cifra récord de participación con 132 obras procedentes de 56 concellos da provincia
A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta tarde a entrega de premios da XIV edición do concurso de relatos para viaxar polos concellos da provincia, #HoxeEscriboEn2026. O acto puxo o broche de ouro a unha edición marcada pola alta participación e a calidade literaria das propostas presentadas, nunha convocatoria impulsada conxuntamente pola Biblioteca Provincial e o Servizo de Promoción e Desenvolvemento Turístico da institución provincial. O vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividade González, foron os encargados de entregar os tres principais recoñecementos desta edición.
O primeiro premio recaeu en Xairo Campos Blanco (Carballo) pola súa obra O inimigo de plástico, un traballo que cativou ao xurado pola súa orixinalidade ao abandeirar a causa ecoloxista cun estilo fluído e unha brillante personificación dun canón chea de notas de humor. Como gañador do certame, Campos Blanco desfrutará dunha estancia dunha noite para dúas persoas, con almorzo e cea incluídos, nun establecemento tipo cabanas rurais da provincia da Coruña.
O segundo galardón foi para Sonia Corral Franco (As Pontes) polo relato Ocaso industrial, unha peza sensorial e emotiva que reflicte a desaparición dun símbolo para a poboación das Pontes a través da personificación das torres demolidas, combinando a melancolía lírica cun ton case épico. Este recoñecemento está dotado cunha estancia dunha noite para dúas persoas, con almorzo incluído, nun establecemento rural da provincia.
Pola súa banda, Xosé María López Fernández (As Pontes) gañou o terceiro premio grazas a O peite de prata, unha narración en primeira persoa que mergulla o lector no mundo máxico e nas lendas tradicionais galegas dilúindo a liña entre a realidade e a fantasía, e que lle valeu un xantar ou cea para dúas persoas nun establecemento coruñés.
Ademais dos tres premios principais, o acto serviu para recoñecer o talento doutros trinta autores e autoras cuxos relatos foron seleccionados polo xurado entre os mellores da edición. Estas trinta persoas finalistas recibiron como agasallo cadanseu lote de produtos gastronómicos da provincia, poñendo en valor tanto a creación literaria como a riqueza agroalimentaria do territorio.
Na súa intervención, o vicepresidente, Xosé Regueira, destacou o éxito dunha iniciativa que logra tender pontes entre a literatura e a promoción do territorio. Regueira subliñou que “o feito de recibir 132 relatos chegados desde 56 concellos distintos —máis da metade da provincia— demostra que a cidadanía sente un profundo orgullo polo seu patrimonio e que a palabra escrita é unha ferramenta extraordinaria para convidar a descubrir os recunchos menos coñecidos da Coruña”.
Pola súa banda, a deputada de Cultura, Natividade González, puxo en valor o “papel dinamizador” da Biblioteca Provincial e a “boa saúde” da creación literaria na provincia. González felicitou todas as persoas premiadas e participantes pola “calidade e sensibilidade das súas historias”, sinalando que certames coma este son “esenciais para fomentar o hábito lector, apoiar o talento creativo de base e manter viva a memoria, as lendas e a identidade cultural dos nosos concellos”.