Estás en:Emprego

A Deputación destina dous millóns de euros en subvencións a entidades que promocionan o turismo na provincia

Un total de 18 entidades benefícianse desta liña de axudas que financia proxectos que contribúen á dinamización e vertebración do territorio a través do turismo

A Deputación destina dous millóns de euros en subvencións a entidades que promocionan o turismo na provincia

A Deputación da Coruña vén de aprobar a resolución definitiva das axudas do programa DP0030, dirixido a entidades sen ánimo de lucro que traballan na promoción turística. Esta liña de subvencións supón un impulso económico de 2.062.060,60 euros destinados a apoiar 18 proxectos que contribúen á dinamización e vertebración do territorio a través do turismo.

As entidades beneficiarias abarcan desde asociacións de concellos e grupos de desenvolvemento rural ata fundacións e mancomunidades, todas elas con iniciativas orientadas á promoción de destinos, produtos turísticos e eventos de interese estratéxico para a provincia.

O vicepresidente provincial e titular de Turismo, Xosé Regueira, destacou "a obriga de facilitar o traballo e a cooperación entre todos os axentes do sector para a promoción turística da provincia dende un punto de vista sostible pero tamén cohesionado e que prima a calidade". "Estas axudas", engadiu, "teñen gran importancia pola diversidade da nosa oferta turística nun territorio que alberga oito xeodestinos moi diferentes, pero con liñas estratéxicas conxuntas que son o resultado dese traballo colaborativo".

Algunhas das entidades beneficiadas son a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal para continuar co desenvolvemento turístico deste espazo recoñecido pola UNESCO; a Asociación de Concellos do Camiño Inglés para impulsar esta ruta xacobea; a Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía; a Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela‑Tambre‑Lengüelle, que promove o aproveitamento turístico das antigas vías ferroviarias; a Asociación OPC Galicia; a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas‑Betanzos para proxectos de turismo sostible; a Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas; a Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros‑Noia ou a Asociación Socio‑Cultural Auga e Sal.

En canto aos organismos de carácter supramunicipal e fundacións do sector, atópanse o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña; a Costa da Morte Asociación Turística (CMAT); a Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau e a Fundación do Instituto Feiral da Coruña, así como a empresa pública Información e Comunicación Local, S.A. (INCOLSA); a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol; a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes; a Mancomunidade Ría de Arousa‑Zona Norte e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol percibirá 125.000 euros.

Este programa de subvencións reflicte a importancia do apoio público ao tecido asociativo turístico da provincia. As axudas permiten reforzar o papel destas entidades na creación de oferta turística estruturada, sostible e de calidade, contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos e comarcas da Coruña.

O detalle de todos os beneficiarios pode atoparse no BOP do 1 de xullo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X