O presidente da Deputación da Coruña destaca en Santiago a importancia de investir no talento da mocidade
Valentín González Formoso participou na Facultade de Matemáticas na entrega de diplomas a unha nova promoción de ESTALMAT-Galicia
"Investir no talento da mocidade é a mellor aposta de futuro que pode facer un país", afirmou

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na clausura do curso 2024-2025 do programa ESTALMAT-Galicia, nun acto celebrado na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. O programa está dirixido á detección e estímulo do talento matemático en estudantes de secundaria.
O acto formal de entrega de diplomas estivo presidido pola Secretaria Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, Dulce María García Mella, acompañada na mesa de autoridades polo Decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada Fernández; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández Gil; o representante do equipo docente, Andrés Prieto Aneiros, profesor da Universidade da Coruña; e a presidenta de ESTALMAT-Galicia, Elena Vázquez Cendón. No acto participaron tamén representantes das familias (Sandra Iglesias e Arturo Hermilla) e do alumnado (Jacobo Otero Iglesias e Breixo Vidal Salgueiro).
Durante a súa intervención, Formoso felicitou os 25 mozos e mozas que completaron esta nova edición do programa, aos que definiu como "o mellor exemplo de compromiso, esforzo e ilusión por aprender". Tamén agradeceu o traballo do equipo docente e "o apoio fundamental das familias, sen cuxo acompañamento sería imposible chegar ata aquí".
O presidente destacou que a Deputación da Coruña leva anos apoiando ESTALMAT-Galicia porque "investir no talento da mocidade é a mellor aposta polo futuro que pode facer un país". Neste sentido, subliñou que "estes rapaces e rapazas son quenes van facer avanzar a ciencia, a tecnoloxía, a saúde e a sociedade do futuro".
Formoso puxo en valor o carácter transformador do programa, que vai máis alá do aprendizaxe matemático: "É un espazo para descubrir, compartir e medrar, onde se recoñece e estimula o talento e se cultiva esa curiosidade que nos leva a seguir aprendendo cada día".
O Proxecto ESTALMAT-Galicia está coordinado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de centros de ensino secundario de toda Galicia. Conta cun financiamento específico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, da Axencia Galega de Innovación, das Deputacións Provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e do Concello de Ames. Entre os colaboradores que aportan material destaca Casio Educación.
Desde o pasado ano, ESTALMAT-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, que conta co apoio de empresas como DXC Technology, a través do seu Centro de Excelencia en Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal, con sede en Santiago, e o Centro de Investigación Mestrelab.
Co apoio continuo ao programa ESTALMAT, a Deputación da Coruña mantén o seu compromiso a unha iniciativa que promove a igualdade de oportunidades e a valorización do coñecemento, apostando polo futuro da mocidade galega.