Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña colabora coas asociacións veciñais de San Mamede e Casas do Porto para dinamizar o rural de Rois

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou o municipio para interesarse polas necesidades das entidades e destacou o traballo que realizan polo benestar da veciñanza e a posta en valor do rural galego

A Deputación da Coruña colabora coas asociacións veciñais de San Mamede e Casas do Porto para dinamizar o rural de Rois

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou este sábado dúas entidades veciñais do concello de Rois que contaron con apoio da institución provincial para o desenvolvemento de proxectos de interese comunitario. Na visita estivo acompañada pola tenente de alcalde, Mercedes Bastante, o concelleiro Manuel Regueira e membros da directiva de ambas asociacións.

A primeira parada foi na Asociación Veciñal de San Mamede, que recibiu unha achega de 4.474 euros da Deputación para a adquisición de novo mobiliario para o seu local social. Esta mellora permite á entidade desenvolver as súas actividades en condicións máis confortables e adecuadas, contribuíndo á habitabilidade e funcionalidade do espazo comunitario.

Posteriormente, a deputada desprazouse ata a Asociación de Veciños de Casas do Porto, onde a Deputación financiou con 23.132 euros o acondicionamento e mellora da coñecida como "Eira dos Hórreos". As actuacións incluíron obras de empedrado, a construción dun muro de contención e a instalación dunha baranda de madeira. Estes traballos permiten non só mellorar a accesibilidade da zona, senón tamén conservar o seu valor etnográfico e patrimonial, mantendo a estética tradicional que a caracteriza.

Cristina Capelán destacou "o papel fundamental do tecido veciñal na dinamización social e na preservación do noso patrimonio", e sinalou que "a Deputación da Coruña segue comprometida co apoio ás entidades que traballan polo benestar da veciñanza e pola posta en valor do rural galego".

As achegas forman parte da liña de subvencións de promoción económica que a Deputación da Coruña destina cada ano a asociacións veciñais sen ánimo de lucro dos núcleos rurais para fomentar o desenvolvemento local, a mellora de infraestruturas e a participación cidadá.

Esta mesma semana, a Deputación vén de conceder 225.000 en axudas a 16 entidades veciñais do rural en distintos concellos da provincia da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X