Estás en:Emprego

A Deputación apoia a AFRICOR na modernización do control leiteiro das explotacións gandeiras da provincia

Cristina Capelán reuniuse coa directiva da entidade, que vén de recibir a axuda da Deputación para adquirir catro equipos de toma automática de mostras, que darán servizo a arredor de 133 explotacións da provincia con muxido robotizado

A Deputación apoia a AFRICOR na modernización do control leiteiro das explotacións gandeiras da provincia

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, reuniuse en Santiago coa directiva de AFRICOR Coruña, para interesarse polo seu proxecto de modernización do servizo de control leiteiro nas explotacións gandeiras da provincia, que vén de recibir unha axuda de 4.800 euros da Deputación. A achega provincial contribuirá á adquisición de catro equipos automáticos de toma de mostras de leite cru, adaptados ás granxas que dispoñen de robots de muxido.

O proxecto responde á crecente implantación destes sistemas nas explotacións de vacún de leite e á necesidade de adaptar os servizos técnicos que acompañan a súa actividade. Os novos equipamentos permitirán recoller mostras individuais de cada animal de forma automatizada, garantindo a súa correcta identificación e a fiabilidade dos datos empregados para avaliar a produción e a calidade do leite.

Segundo a entidade, o investimento beneficiará directamente arredor de 133 explotacións integradas no control leiteiro de AFRICOR Coruña que contan con sistemas de muxido robotizado. Os equipos utilizaranse de xeito itinerante en granxas de distintos municipios, o que permitirá estender o seu aproveitamento ao conxunto da provincia.

Os dispositivos son compatibles con diferentes marcas e modelos de robots e permiten realizar a recollida de mostras sen interferir no seu funcionamento habitual. A automatización deste proceso contribúe a reducir os erros derivados da manipulación manual, optimizar os tempos de traballo e mellorar a organización do servizo.

A información obtida a través do control leiteiro facilita que as ganderías tomen decisións sobre a xestión produtiva e a mellora xenética dos seus animais. A adaptación deste servizo ás novas tecnoloxías resulta, por tanto, necesaria para acompañar a modernización das explotacións e favorecer a súa competitividade.

AFRICOR Coruña é unha asociación provincial de gandeiros sen ánimo de lucro, creada en 1992 para desenvolver o control leiteiro oficial na provincia. Integrada na Federación Frisona Galega, traballa na mellora xenética da raza frisona e proporciona información técnica para a xestión das granxas asociadas. Entre os seus labores figura a recollida de datos individuais dos animais e de mostras de leite para analizar parámetros como a graxa, a proteína e o reconto celular.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X