Estás en:Emprego

A Deputación premia a catro estudantes da provincia no concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn mocidade

Os gañadores foron Iñaki Echarte, do CPR Salesianos San Juan Bosco da Coruña; Iago Maseda, do CPR Plurilingüe Cristo Rey de Oleiros; Sofía Cao, do CPR La Salle de Santiago de Compostela; e María Tubío, do centro FESAN de Santiago

A Deputación premia a catro estudantes da provincia no concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn mocidade

A Deputación da Coruña vén de resolver o concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn mocidade, unha proposta literaria dirixida ao alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional da provincia, coa finalidade de fomentar a escrita creativa e divulgar a riqueza dos concellos coruñeses a través da palabra.

Nesta primeira edición, presentáronse 166 microrrelatos procedentes de centros educativos de toda a provincia. O xurado, presidido polo vicepresidente, Xosé Regueira e formado por Maria Lema, xefa de departamento na Biblioteca Provincial; Paula Cabado, técnica de proxectos da sección de turismo; Patricia Cernadas, especialista en literatura e com Maite Loureiro Ventureira, xefa da sección de promoción e desenvolvemento turístico como secretaria, seleccionou os catro relatos gañadores correspondentes a cada categoría, así como un premio final entre eles.

Na categoría A, destinada ao alumnado de primeiro e segundo da ESO, resultou gañador "A tecedora de la", de Iñaki Echarte, estudante do CPR Salesianos San Juan Bosco da Coruña. O xurado destacou o ton de fábula do relato e a súa ensinanza sobre a importancia de valorar o propio, cunha trama ben estruturada e un estilo coidado.

Na categoría B, para alumnado de terceiro e cuarto da ESO, o relato premiado foi "Praia de Doniños", de Iago Maseda Truyols, do CPR Plurilingüe Cristo Rey de Oleiros. A súa capacidade para condensar espazo, personaxes e conflito nun texto suxestivo e aberto a interpretacións converteuno, ademais, no gañador absoluto do certame. Por esta razón a obra será adaptada como curtametraxe, segundo o previsto nas bases do concurso.

Na categoría C, correspondente a Bacharelato, a gañadora foi Sofía Cao Fontán, do CPR La Salle de Santiago de Compostela, coa peza "O último croque". O texto ofrece unha imaxinativa viaxe no tempo narrada cun bo ritmo e unha linguaxe precisa, mantendo o misterio e recreando unha atmosfera envolvente.

Na categoría D, dirixida ao alumnado de ciclos formativos, impúxose "No teu batel, abalar", de María Tubío Boo, do centro FESAN de Santiago de Compostela. O xurado salientou a orixinalidade e fondura coa que aborda o drama do naufraxio mariñeiro, a través dunha voz narrativa íntima e potente, nun estilo lírico e sensorial.

Os catro autores e autoras recibirán un bono cultural de 100 euros, ademais dunha saída cultural para o conxunto das súas aulas. A Deputación quere agradecer a alta participación e felicitar aos centros educativos e á mocidade pola calidade e diversidade dos traballos presentados, que amosan unha notable creatividade e compromiso coa cultura do territorio.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X