Complemento Destino, Estabilización e Teletraballo
A día de hoxe non temos constancia de que UGT presentase escrito renunciando a súa proposta de expulsión dos administrativos das xefaturas de negociado ao incrementalas ao nivel 24. Aquí os deixamos a nosa Proposta: manual de valoración, matríz por categorías e defensa na última comisión
O pasado mércores, en vésperas do San Xoán, celebrouse unha mesa de negociación para tratar os criterios e as bases xerais de estabilización que quedaron pendentes de aprobación. No apartado de rogos e preguntas, dende CCOO interesámonos polo regulamento de teletraballo e a súa implantación, logo da resposta da Corporación temémonos que se produza unha nova demora.
A Corporación suspende temporalmente a valoración do Complemento de Destino, así o trasladou na mesa e de feito suspendeu a Comisión que estaba prevista para este martes 28 de xuño. Previamente na Comisión en vista da falta de consenso sindical indicou que presentaría a súa propia proposta de valoración. Lembramos que a Corporación, con matices, vía con agrado a proposta de CCOO desenvolvida dende a lóxica e a coherencia sendo coñecedores do marco económico no que resulta factible a súa aprobación (Achegamos intervención na defensa da nosa proposta na última Comisión). Neste sentido existían importantes coincidencias no resultado coa proposta da CIG, mentres UGT aínda quen non presentou proposta na primeira reunión, tampouco puxo problemas. Polo que o consenso semellaba rápido e próximo. Preto dun mes despois, UGT pon en risco a Valoración do Complemento de Destino rachando o consenso cunha proposta demagóxica ao máis puro estilo Trumpista. Igual que fixeron coa valoración do Complemento Específico onde paralizaron durante meses a súa aprobación para chegar, finalmente, ao mesmo punto de achega económica que CCOO tiña pactado coa Corporación. Tamén o fixeron fai preto catro anos coa valoración do CD, negándose a apoiar a proposta presentada por CCOO e do agrado da Corporación, cando eles nin tan sequera presentaran ningunha, o que ocasionou unha perda acumulada de incremento salarial de aproximadamente 2000 euros por traballador/a nestes últimos anos.
A día de hoxe non temos constancia de que UGT presentase escrito renunciando a súa proposta de expulsión dos administrativos das xefaturas de negociado ao incrementalas ao nivel 24, cando o persoal C1 ten por lei establecido o nivel máximo en 22. E iso a pesar de que durante o debate na comisión, instamos a que amosasen por escrito que a súa intención non é bloquear as xefaturas de negociado ao persoal C1. Non entendemos que, medallas a parte, non acepten a proposta de CCOO, cun custe inferior a 50.000 €, que consiste en dividir as xefaturas de negociado en xefaturas de negociado nivel 22 para C1 e xefaturas "co nome que sexa" nivel 23 para B, A2 e A1, unha opción que non prexudica a ninguén e beneficia directamente a preto de medio centenar de xefaturas de negociado ocupadas por persoal do grupo B e A, e indirectamente a outro centenar aproximado de postos A1, actualmente con nivel 22, que RRHH xa comentou que no poden incrementar por riba de xefaturas ocupadas por persoal dese subgrupo. Neste sentido indicar que CCOO, sempre que a Corporación incorpore financiamento adicional, está disposta a resolver a problemática existente coa valoración/catalogación de xefaturas, tanto a través da valoración do complemento específico como a nivel organizativo mediante a creación de novas xefaturas intermedias ás existentes, a transformación de certas xefaturas de sección en unidade ou como se considere oportuno dentro do seno da comisión.
A dificultade para obter logros na negociación non se debe ao pragmatismo de CCOO, senón ao xeito bipolar que ten UGT de interactuar coa Corporación, un día publica exabruptos fora de ton como cando asociou a letra "o" do PSOE con Oligarquía ou tachou de hipócrita ao deputado de persoal, e ao seguinte acepta medidas prexudiciais para o persoal. Basta lembrar que aceptaron sen rechistar a apertura de postos a outras administracións, limitando a carreira profesional do persoal, ou acataron a modificación das condicións de postos unilateral da Corporación sen pasar pola comisión de valoración. Mentres meses atrás definía as políticas de persoal como "decandetes propias del siglo pasado" ou afirmaba "Cuanto aire fresco necesita esta Diputación en la gestión de los Recursos Humanos" ou definía á Deputación como unha Administración clasista... Por iso a estratexia de UGT consiste en aproveitarse do traballo de negociación desenvolvido durante meses por CCOO para despois descolgarse cunha proposta plaxiada ao alza para poder publicitar algo diante do persoal, a pesar de saber que é imposible que á acepte a Corporación.