25N: Lecturas contra a violencia
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas, a Biblioteca da Deputación da Coruña lanza un centro de interese virtual con máis de setenta títulos dispoñibles en préstamo dixital. A proposta abrangue narrativa, ensaio, cómic e audiolibros para reflexionar, sensibilizar e dar voz ás mulleres.
Baixo o lema institucional «Só hai unha forma de mirala: DE FRONTE á violencia de xénero», a Biblioteca da Deputación da Coruña súmase á conmemoración do 25N coa iniciativa «Lecturas contra a violencia», unha escolla dispoñible de balde na plataforma de préstamo dixital eBiblioDaCoruna.
A lectura é unha ferramenta fundamental para comprender a realidade, empatizar e desmontar os discursos que perpetúan as violencias. Por iso, este centro de interese reúne unha ampla variedade de obras —en formato libro electrónico e audiolibro— que abordan o feminismo, a sororidade e a loita contra as violencias machistas desde múltiples perspectivas e para distintos públicos, incluíndo tamén lecturas xuvenís e de lectura fácil.
Ademais, a proposta da Biblioteca dialoga directamente co foco da campaña institucional da Sección de Igualdade da Deputación da Coruña, poñendo tamén o acento na realidade da prostitución e a explotación sexual. Tomando como partida un fragmento do texto teatral «Sophie non é o meu nome de guerra», de Roberto Pascual (Premio «Rafael Dieste» de Textos Teatrais da Deputación da Coruña, 2021), incluímos tamén lecturas coas que afondar na realidade da prostitución e a trata.
Entre os títulos escollidos atópanse obras de referencia e voces imprescindibles tanto da literatura galega como internacional:
-
Prostitución e explotación sexual: En sintonía co foco da campaña institucional, a selección inclúe obras cruciais que denuncian o negocio da trata e a violencia exercida contra as mulleres prostituídas, como El proxeneta (Mabel Lozano), un testemuño directo e revelador sobre as redes de explotación sexual, ou novelas de gran forza humana como Mis últimos 10 minutos y 38 segundos en este extraño mundo (Elif Shafak).
-
Narrativa, memoria e testemuños: Unha ampla escolma de ficción e non ficción con voces galegas e internacionais imprescindibles, entre as que destacan Senlleiras (Antía Yáñez), Formas de estar lejos (Edurne Portela), Cometierra (Dolores Reyes), Ellas hablan (Miriam Toews), La trenza (Laetitia Colombani), El consentimiento (Vanessa Springora), La mala costumbre (Alana S. Portero), La llamada (Leila Guerriero), A mí no me iba a pasar (Laura Freixas), Historia de la violencia (Édouard Louis) ou Calla canalla. Memorias (María Jiménez).
-
Ensaio e reflexión feminista: Obras fundamentais para comprender e desmontar o machismo e as violencias estruturais, como Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión (Carme Adán), Vivas nos queremos (Sonia Vivas), El amor no maltrata (Olga Barroso Braojos), Los hombres me explican cosas (Rebecca Solnit), Nuevos hombres buenos (Ritxar Bacete), El ABC del género (Mariana Gabarrot) ou Fundamentos y prácticas de comunicación no violenta (Pilar de la Torre).
-
Cómic e novela gráfica: Propostas visuais de enorme impacto como Herba (Keum Suk Gendry-Kim), Feminismo para torpes (Nerea Pérez de las Heras) ou Machismo: 8 pasos para quitártelo de encima (BarbijaPuta).
-
Público infantil e xuvenil: Lecturas pensadas para educar en igualdade e previr a violencia desde idades temperás, como A nai meiga, A filla do ladrón de bicicletas (Teresa González Costa), A Cabeza de Medusa (Marilar Aleixandre), A curva da pantasma (Fran Alonso), O diario violeta de Carlota (Gemma Lienas), Palabras envenenadas (Maite Carranza) ou o ensaio Donas, no espello da LIXG.
Todas estas obras pódense consultar e prestar, de xeito gratuíto, a través do catálogo da eBiblioDaCoruna, por parte de calquera persoa da provincia de alta no servizo de préstamo dixital.