Estás en:Emprego

A Deputación aproba por unanimidade un investimento de 1 millón de euros para mellorar a seguridade viaria na estrada DP-5002 en Monfero

O proxecto permitirá ensanchar a calzada ata os seis metros e mellorar a circulación no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+600 e 6+100

A Deputación aproba por unanimidade un investimento de 1 millón de euros para mellorar a seguridade viaria na estrada DP-5002 en Monfero

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno ordinario de hoxe o proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-5002, no treito que discorre dende A Pila da Leña ata Lagares, no concello de Monfero. Esta primeira fase da actuación centrarase na parte final do vial, entre os puntos quilométricos 3+600 e 6+100, ao tratarse da zona que presenta unha xeometría máis deficiente e maiores dificultades para o tránsito.

A vía actual conta con menos de catro metros de ancho e un trazado moi sinuoso con curvas de radio reducido que dificultan o cruzamento entre vehículos, especialmente os de maior tamaño. Esta intervención resulta fundamental xa que a DP-5002 constitúe a principal vía de acceso para diversos núcleos de poboación como O Pumariño, A Picheira, As Eiras, O Torno, O Peteiro e A Aira Vella, ao estar a zona delimitada polo encoro do Eume e o Parque Natural das Fragas do Eume, do cal tamén serve como acceso sur.

As obras contan cun orzamento de execución de 1.062.870,84 euros. Sumando o importe estimado para as expropiacións necesarias dos terreos, que ascende a 17.420,22 euros, o orzamento total sitúase en 1.080.291,06 euros.

O proxecto permitirá dispoñer dunha calzada de seis metros de ancho con beiravías pavimentadas de medio metro a cada lado. Ademais do ensanche, executaranse melloras puntuais no trazado en planta e alzado para optimizar a visibilidade, renovaranse os sistemas de drenaxe, sinalización e balizamento, e procederase ao desvío de varios tramos duna liña eléctrica afectada.

Os traballos terán un prazo de execución de dez meses a partir da sinatura do acta de comprobación da traza. Durante o desenvolvemento das obras, e ao ser o único acceso aos núcleos habitados da área, minimizaranse os cortes de tráfico e garantirase a restitución diaria da circulación na estrada provincial.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X