Estás en:Emprego

A Deputación entrega un vehículo á Fundación Hospitalarias Betanzos para favorecer a autonomía e a participación das persoas con discapacidade intelectual

Mar García Vidal destaca o apoio ao Centro Ocupacional Integrado na Comunidade, que atende 18 persoas de Betanzos, Abegondo, Oza-Cesuras e Cambre

A Deputación entrega un vehículo á Fundación Hospitalarias Betanzos para favorecer a autonomía e a participación das persoas con discapacidade intelectual

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou esta mañá a sede da Fundación Hospitalarias Betanzos, onde entregou un novo vehículo para facilitar os desprazamentos das persoas usuarias do seu Centro Ocupacional Integrado na Comunidade (COIC). No acto participaron a directora xerente da entidade, Imma Segarra, e dúas persoas usuarias, Charo Pillado e José María Costoya, que agradeceron o apoio provincial.

O vehículo facilitará a participación das 18 persoas con discapacidade intelectual que forman parte do programa, procedentes de Betanzos, Abegondo, Oza-Cesuras e Cambre, en actividades deportivas, culturais, ocupacionais e de lecer en espazos da súa contorna.

"A inclusión tamén consiste en poder saír, participar e compartir os mesmos espazos que o resto da veciñanza. Con este vehículo apoiamos o traballo que realiza a Fundación Hospitalarias Betanzos para que as persoas usuarias desenvolvan as súas capacidades e gañen autonomía no seu día a día", sinalou García Vidal.

A deputada destacou que facilitar a participación das persoas con discapacidade intelectual na vida da comunidade é unha parte esencial da súa autonomía. Neste sentido, agradeceu o traballo do equipo profesional da fundación e salientou a importancia da colaboración coas entidades sociais para atender as necesidades cotiás das persoas e das súas familias.

O Centro Ocupacional Integrado na Comunidade, situado na praza García Hermanos de Betanzos, púxose en marcha en 2024 como unha iniciativa pioneira en Galicia. O seu modelo combina actividades ocupacionais e prelaborais con propostas de deporte, cultura e lecer en instalacións deportivas, bibliotecas e establecementos que as persoas usuarias comparten coa veciñanza.

Deste xeito, o programa permite desenvolver habilidades en situacións da vida diaria, establecer relacións sociais e participar de forma activa na comunidade. O apoio da Deputación aos desprazamentos contribúe a facilitar o acceso a estas actividades.

A Fundación Hospitalarias Betanzos, anteriormente coñecida como Centro Pai Menni, conta cunha traxectoria de atención ás persoas con discapacidade que se remonta a 1923. Na actualidade atende máis de 300 persoas e ofrece servizos residenciais, vivenda tutelada, centro de día e centro ocupacional, cun equipo multidisciplinar de profesionais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X