Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña apoia as Xornadas Profesionais Escena Galega 2026, que abordan o futuro das programacións escolares de artes escénicas

A deputada Cristina García Rey participou hoxe na inauguración das xornadas, que se celebran no Pazo da Cultura de Narón co apoio e financiamento da Deputación e do Padroado da Cultura do Concello

A Deputación da Coruña apoia as Xornadas Profesionais Escena Galega 2026, que abordan o futuro das programacións escolares de artes escénicas

A Deputación da Coruña apoia e financia as Xornadas Profesionais Escena Galega 2026, que se celebran hoxe no Pazo da Cultura de Narón baixo o título "Programacións e circuítos escolares de artes escénicas: modelos, exemplos de boas prácticas e propostas de futuro". A deputada provincial Cristina García Rey participou esta mañá na inauguración, xunto coa alcaldesa de Narón e coa presidenta de Escena Galega, Eva Alonso.

As xornadas, organizadas por Escena Galega coa colaboración da Deputación, son un foro estable de debate, reflexión e traballo sectorial para as artes escénicas profesionais en Galicia. Nesta edición, o eixo de traballo é o público e a comunidade escolar e a súa relación coas artes escénicas. Entre os principais obxectivos da xornada están traballar sobre modelos de relación entre a escena profesional e a escola, coñecer experiencias e boas prácticas de mediación e reflexionar sobre posibles proxectos de referencia.

Durante a inauguración, Cristina García Rey destacou a traxectoria de Escena Galega, que leva máis de quince anos facendo destas xornadas "un espazo estable de debate e de traballo para todo o sector", e puxo en valor a colaboración co Concello de Narón e o seu Padroado da Cultura. A deputada salientou tamén a importancia de que os equipamentos culturais estean "vivos e ao servizo da veciñanza".

A deputada incidiu na importancia de achegar as artes escénicas á infancia e á mocidade a través do ámbito educativo: "Falar de programación escolar non é falar só de funcións en horario lectivo. É falar de igualdade de oportunidades no acceso á cultura", sinalou, defendendo que un circuíto escolar ben deseñado pode contribuír a que ese acceso "sexa real e non dependa do código postal".

García Rey puxo tamén o foco na combinación entre exhibición e mediación cultural, ao considerar fundamental que a experiencia de asistir a un espectáculo vaia acompañada de espazos para o debate e a análise. Neste sentido, destacou o papel das artes escénicas como ferramenta para fomentar o pensamento crítico entre as novas xeracións "nun tempo no que a rapazada recibe cada día un fluxo constante de mensaxes rápidas, simplificadas e moitas veces deseñadas para non deixar pensar".

As Xornadas Profesionais Escena Galega 2026 teñen nesta ocasión un carácter especialmente relevante, xa que Escena Galega está a traballar na creación dun circuíto escénico escolar galego, un proxecto que a asociación presentou publicamente por primeira vez durante estas xornadas e que agarda poñer en marcha nos primeiros meses de 2027 a través dunha primeira fase piloto

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X