Estás en:Emprego

A rede de grupos de conversa ‘Falarmos Nós’ que impulsa a Área de Lingua da Deputación inicia a nova andaina

Impulsada pola área de Normalización Lingüística, a iniciativa facilita espazos seguros e participativos para aquelas persoas que queiran dar o paso a falar en galego no seu día a día.

O local da Asociación Xiradela en Arteixo acolleu a xuntanza previa ao inicio da nova xeira 2026/2027

A xornada contou coa participación de representantes do organismo provincial e persoas dinamizadoras dos grupos xa activos na xeira anterior e de varios grupos que se integrarán na rede a partir deste outono.

A rede de grupos de conversa ‘Falarmos Nós’ que impulsa  a Área de Lingua da Deputación inicia a nova andaina

A rede de grupos de conversa 'Falarmos Nós', impulsada pola área de Lingua da Deputación da Coruña, completou con gran éxito ata o pasado mes de xuño a súa primeira andaina, daquela con once grupos xa formalmente constituídos e adheridos á iniciativa.

Están dirixidos tanto a persoas que saben falar galego pero non o usan de maneira habitual nas súas interaccións sociais, como a persoas que se atopan nun proceso de adquisición da competencia oral e contan cunha boa capacidade de comprensión e de expresión básica. En palabras da deputada de Lingua, Sol Agra, os grupos de conversa son unha ferramenta «sinxela, pero moi poderosa», para a xeración de contornas seguras «nas que perder o medo a falar e recuperar a confianza no uso do galego, fóra de contextos formais ou académicos».

Representantes do organismo provincial e as persoas dinamizadoras da maioría dos grupos adscritos asistiron a pasada fin de semana a unha xuntanza de análise e coordinación, realizada nas instalacións da asociación xuvenil Xiradela de Arteixo, un dos colectivos adheridos á rede. A reunión serviu para avanzar na concreción de propostas de acción común e no intercambio de experiencias en prol do funcionamento coordinado dos grupos que integran a rede. Alén das xuntanzas presenciais ao longo do ano, Falarmos Nós mantén reunións telemáticas periódicas de coordinación e posta en común. A Deputación tamén lles proporciona aos grupos materiais e recursos e está prevista a realización de accións formativas de apoio ás persoas dinamizadoras así como de actividades complementarias de interese para as persoas participantes nos grupos.

Máis dunha ducia de grupos activos

O proxecto medrará nesta nova andaina, na que está previsto que sexan máis grupos os que agarimen a iniciativa. Así, a rede Falarmos Nós conta xa con grupos en funcionamento nos concellos da Coruña (con dous grupos na Biblioteca municipal do centro sociocultural Ágora e na Asociación Cultural Alexandre Bóveda), en Arteixo (na Asociación Xiradela), Arzúa (promovido polo propio SNL do concello), Betanzos (na Asociación Lar de Unta), Boiro (vinculado ao SNL do concello), Carballo (cun grupo do propio SNL do concello e outro promovido por unha asociación de recente creación), Ferrol (promovido polo EDLG da Escola de Idiomas), Narón (na Biblioteca Pública Municipal), Negreira (vencellado ao SNL do concello) e As Pontes (na Biblioteca Enrique Rivera Rouco).

Á reunión asistiron tamén como oíntes representantes doutros colectivos que valoran a próxima integración na rede Falarmos Nós, que aspira a medrar o máis posíbel e reproducirse en calquera punto da provincia onde haxa cidadanía que considere esta iniciativa como útil e necesaria. Calquera colectivo ou entidade pública ou privada que desexe unirse á rede Falarmos Nós pode solicitar información e poñerse en contacto coa Área de Lingua da Deputación. Na propia web do organismo provincial hai un formulario de inscrición e unha guía para para as persoas dinamizadoras dos grupos de conversa.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X