Estás en:Emprego

A carballesa praia de Razo acollerá o II Onda Bocata os días 25, 26 e 27 de setembro co apoio da Deputación

O vicepresidente, Xosé Regueira, presentou esta mañá a iniciativa, acompañado do alcalde de Carballo, Daniel Pérez e de representantes da organización

A carballesa praia de Razo acollerá o II Onda Bocata os días 25, 26 e 27 de setembro co apoio da Deputación

A carballesa praia de Razo converterase, do 25 ao 27 de setembro, no escenario da segunda edición do Onda Bocata, unha proposta gastronómica que volve apostar pola hostalería local, os produtos de proximidade e a combinación de gastronomía e lecer nun dos espazos naturais máis emblemáticos de Carballo. A iniciativa foi presentada esta mañá no Museo de Bergantiños polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; e representantes dos establecementos hostaleiros participantes.

Onda Bocata nace coa vontade de reivindicar o bocadillo como un produto gastronómico de calidade e, ao mesmo tempo, poñer en valor a capacidade creativa da hostalería carballesa e a riqueza dos produtos de proximidade. Regueira destacou durante a presentación que a segunda edición supón un paso adiante respecto da primeira. "Este ano medra Onda Bocata, con máis establecementos participantes e máis propostas, e chegamos ademais nun moi bo momento, cando estamos rematando a tempada de verán", sinalou.

O vicepresidente animou a veciñanza e visitantes a achegarse a Razo durante a fin de semana e amosouse confiado na resposta do público: "Agardamos unha moi boa resposta, porque temos unha proposta que combina gastronomía, música e un espazo extraordinario como é a praia de Razo".

O programa contará cunha carpa e música para acompañar a actividade gastronómica e favorecer un ambiente festivo e familiar durante as tres xornadas. O obxectivo é que Onda Bocata se converta nunha experiencia para gozar da gastronomía ao aire libre, en compañía e nunha contorna singular.

Para Regueira, o festival é tamén "un bo momento para demostrar o bo facer da nosa hostalería" e para reivindicar que "algo tan sinxelo como un bocata pode ser un auténtico manxar, ao nivel de calquera outro prato". Neste sentido, destacou a capacidade dos establecementos participantes para elaborar propostas de alta calidade a partir de produtos de proximidade. "Temos unha hostalería con moito talento e unha oferta de alta calidade, e Onda Bocata permítenos amosala dun xeito próximo, divertido e accesible", afirmou.

A cita busca tamén prolongar a actividade turística máis alá dos meses centrais do verán, aproveitando as últimas semanas da tempada para seguir atraendo visitantes á costa carballesa. Razo volverá ser así o punto de encontro entre gastronomía, paisaxe, música e convivencia. "Agardo que esta segunda edición nos deixe tan bo sabor de boca como a primeira", engadiu Regueira, quen convidou especialmente ás familias a achegarse á praia durante a fin de semana: "Queremos que sexa un espazo no que as familias poidan convivir en harmonía, gozar da gastronomía e contemplar un espazo tan fermoso como a praia de Razo".

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, puxo en valor a continuidade dunha iniciativa que contribúe a dinamizar Razo tamén fóra dos meses de maior afluencia turística e que ofrece unha nova oportunidade para dar visibilidade ao tecido hostaleiro local.

Onda Bocata mantén así a fórmula da primeira edición, coa gastronomía como fío condutor e o produto local como protagonista, pero incorpora novas propostas e máis participación. A organización avanzou ademais que haberá "novos bocatas e moitas sorpresas" ao longo da fin de semana.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X