A Deputación apoia con 173.756 ao Concello de Cerdido para renovar a maquinaria municipal
O convenio permitirá adquirir un tractor con rozadoira e unha miniescavadora para mellorar o mantemento das pistas e camiños do municipio
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cerdido, Javier Rey Paz, asinaron hoxe un convenio para cofinanciar a adquisición de nova maquinaria municipal.
A institución provincial achegará 173.756 euros, o 77,41 % dun investimento total de 224.455 euros, destinado á compra dun tractor con rozadora de brazo lateral e dunha máquina escavadora miniretro.
A actuación permitirá substituír a maquinaria que emprega actualmente o Concello, con máis de trinta anos de antigüidade, un elevado nivel de desgaste e importantes custos de reparación. Os novos equipos ofrecerán tamén mellores condicións de seguridade e ergonomía para o persoal municipal.
Valentín González Formoso destacou que "este convenio responde a unha necesidade moi concreta dun concello rural e con poboación dispersa, no que o mantemento das pistas e dos camiños resulta esencial para a vida diaria da veciñanza".
"É un investimento útil, que permitirá ao Concello traballar con maior rapidez, eficacia e seguridade nas tarefas de roza, limpeza e conservación da rede viaria municipal", afirmou o presidente provincial, que lembrou que as rozas contribúen tamén a prevención de incendios.
A nova maquinaria empregarase no mantemento das vías de acceso ás vivendas e ás explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como para facilitar o tránsito dos servizos de emerxencias e dos transportes escolar e sanitario.
O tractor terá unha potencia homologada de 160 cabalos e incorporará unha rozadoira de brazo lateral cun alcance máximo de 5,40 metros, especialmente preparada para a limpeza das marxes das pistas. A miniescavadora contará con eirugas de goma, dúas liñas hidráulicas independentes e cazos de diferentes medidas para realizar tarefas de escavación, reparación e mantemento.
O Concello de Cerdido encargarase agora da contratación e adquisición dos dous equipos, que se incorporarán ao parque móbil municipal.
