O vicepresidente da Deputación da Coruña reafirma o compromiso da institución co Xeoparque Cabo Ortegal durante a visita dos avaliadores da UNESCO
Regueira sinalou que o Xeoparque Cabo Ortegal "é un exemplo de como a cooperación entre administracións e o traballo conxunto do territorio permiten converter un patrimonio único nun motor de oportunidades para o rural",
O proxecto, impulsado pola Deputación da Coruña, afronta un momento decisivo no proceso de revalidación como Xeoparque Mundial da UNESCO
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta tarde nun acto institucional de apoio ao Xeoparque Cabo Ortegal, coincidindo coa visita oficial dos avaliadores da UNESCO encargados de examinar o proceso de revalidación deste espazo como Xeoparque Mundial.
No encontro estiveron presentes tamén a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Mejuto; a directora xeral de patrimonio, María Sol Díaz; a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o subdelegado do goberno na Coruña, Julio Abalde, e os alcaldes e alcaldesas dos sete concellos que integran o Xeoparque —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño—, "nunha mostra de unidade e compromiso arredor dun proxecto estratéxico para o desenvolvemento sustentable do territorio" sinalou Regueira.
Durante a súa intervención, o vicepresidente destacou tamén o papel decisivo da Deputación da Coruña como impulsora desta iniciativa desde os seus inicios, así como o compromiso da institución provincial coa conservación do patrimonio xeolóxico, natural e cultural da comarca e coa promoción dun modelo de desenvolvemento baseado na sustentabilidade, a divulgación científica e o turismo responsable.
"O Xeoparque Cabo Ortegal é un exemplo de como a cooperación entre administracións e o traballo conxunto do territorio permiten converter un patrimonio único nun motor de oportunidades para o rural", sinalou o vicepresidente, que expresou tamén a confianza en que a avaliación da UNESCO confirme o excelente traballo desenvolvido nos últimos anos.
A visita dos avaliadores da UNESCO constitúe unha das fases máis relevantes do proceso de revalidación da distinción de Xeoparque Mundial, un recoñecemento internacional que acredita tanto o extraordinario valor xeolóxico do territorio como a calidade da súa xestión e das iniciativas impulsadas para a súa protección, divulgación e desenvolvemento socioeconómico.
