A Deputación colabora cunha nova edición de Boviño Wine Fest, que terá lugar do 6 ao 9 de agosto en Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Boiro
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, asistiu esta mañá á presentación oficial, xunto ao alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; os adegueiros da IXP Barbanza: David Rial de Cazapitas Rianxo; Paco Crusat, de Entre Os Rios da Pobra; o presidente de Agasu (Asociación de Sumilleres de Galicia), e o director enoloxico do evento Juanjo Figueroa Treus
"Os viños da provincia e, concretamente, a IXP Barbanza e Iria representa unha tradición e un patrimonio que merecen ser coñecidos e recoñecidos. Eventos como Boviño contribúen a reforzar a súa proxección e posta en valor" sinalou Regueira
O Pazo de Goiáns acolleu esta mañá a presentación da nova edición de Boviño Wine Fest, unha cita que, co apoio da área de turismo da Deputación, volverá converter a comarca do Barbanza nun escaparate do viño, a gastronomía e a cultura entre os días 6 e 9 de agosto. O festival desenvolverase en Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Boiro cun programa que combina catas, degustacións, música, humor e actividades de divulgación arredor da cultura vitivinícola.
Na presentación, o vicepresidente destacou que "Boviño é un deses proxectos que encaixan perfectamente no modelo turístico polo que traballamos desde a Deputación: unha proposta que nace do territorio, que pon en valor os seus recursos propios e que crea experiencias arredor da identidade, da paisaxe e do produto local". Regueira sinalou que iniciativas coma esta "demostran que o turismo tamén é unha ferramenta para fortalecer o sector primario, apoiar ás pequenas produtoras e produtores e xerar oportunidades económicas de maneira sustentable".
Regueira incidiu tamén na importancia de visibilizar a riqueza vitivinícola da provincia: "A IXP Barbanza e Iria representa unha tradición e un patrimonio que merecen ser coñecidos e recoñecidos. Eventos como Boviño contribúen a reforzar a súa proxección e a situar a comarca como un destino singular para quen busca experiencias auténticas vinculadas á enogastronomía e á cultura".
Programa
O festival arrancará o xoves 6 de agosto no Pazo de Martelo, en Rianxo, cunha xornada protagonizada pola adega Cazapitas, que incluirá unha cata comentada, unha ruta literaria da man de Quico Cadaval, unha degustación gastronómica elaborada con produtos do mar e a actuación de Aum Reggae Band.
O venres 7 de agosto, a actividade trasladarase á adega Entre os Ríos, na Pobra do Caramiñal, onde as persoas asistentes poderán coñecer o proxecto vitivinícola da adega, percorrer os viñedos, participar nunha cata comentada maridada con gastronomía de proximidade e asistir ao concerto de Calequi y Las Panteras.
A programación continuará o sábado 8 de agosto no Pazo de Goiáns, en Boiro, cunha intensa xornada dedicada á divulgación e á cultura do viño. Haberá clases maxistrais, catas musicais e poéticas, o Túnel do Viño —con máis de vinte referencias das adegas participantes guiadas pola Asociación Galega de Sumilleres (AGASU)— e o espectáculo "Viño + Humor", protagonizado por Carlos Blanco.
Boviño pechará a súa edición o domingo 9 de agosto coa celebración do Día do Viño con Sombreiro, unha xornada aberta ao público que incluirá unha homenaxe ao adegueiro Luis Sande Lage, rutas histórico-botánicas polo Pazo de Goiáns, presentación das adegas participantes, unha cata monumental, música en directo e unha paella popular de mexillóns.
