Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña agarda a autorización de ADIF para poder executar a mellora do punto negro da estrada DP-0810 en San Paio, Bergondo

A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, reuniuse coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o primeiro tenente de alcaldesa, Juan Fariña, para avaliar os avances na redacción do proxecto

"Ao igual que fixemos no seu momento con Patrimonio, pedimos á ADIF que desbloquee este asunto con urxencia, a seguridade ten que ser unha prioridade", indicou Mónica Rodríguez

Tanto a deputada como os representantes do goberno local lembran a urxencia desta actuación nun treito con alta sinistralidade onde xa se produciron múltiples accidentes, un deles mortal

A Deputación da Coruña agarda a autorización de ADIF para poder executar a mellora do punto negro da estrada DP-0810 en San Paio, Bergondo

A deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, reuniuse coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o primeiro tenente de alcaldesa, Juan Fariña, para avaliar o proceso de redacción do proxecto para mellorar a seguridade viaria no punto negro da estrada DP-0810, en San Paio á altura do predio Villa Julia.

No encontro, realizado no pazo provincial e no que tamén participou o equipo redactor, trasladouse que, unha vez conseguido o informe favorable por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, para poder seguir avanzando na redacción do proxecto é necesario que ADIF dea a autorización pertinente para levar a cabo os traballos que afectan á zona da vía do tren.

Mónica Rodríguez quixo trasladarlle á alcaldesa e ao primeiro tenente de alcalde que "o proxecto avanzou sempre con pasos firmes, desde que coñecemos o visto e prace de Patrimonio nunca deixamos de traballar para poder executalo o antes posible; somos conscientes de que é un problema de seguridade gravísimo que arrastramos desde hai moitos anos". "Ao igual que fixemos no seu momento con Patrimonio, pedímoslle á ADIF que desbloquee este asunto con urxencia, a seguridade ten que ser unha prioridade", afirmou.

Ademais, a deputada quixo reiterarlle o agradecemento á veciñanza "pola paciencia que tivo e está a ter durante todos estes anos" e salientou que "o proxecto que temos para mellorar a seguridade viaria na zona farase de forma respectuosa co patrimonio pero exercendo a autoridade pública para protexer a vida das persoas que pasan por esta estrada".

Pola súa banda, desde o goberno local agradeceron "a transparencia amosada pola Deputación desde que se iniciou o proceso de redacción do proxecto" e pediron que "se faga todo o que se poida para ter canto antes as autorizacións pertinentes". "Hai que lembrar que xa vamos moi tarde, con isto empezamos hai mais de 20 anos e é unha situación que de ningunha maneira pode alongarse máis; estamos falando de vidas de persoas", incidiron.

Un punto negro viario

O tramo da estrada DP-0810 entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, na contorna de Vila Julia, presenta un ancho de calzada moi reducido, curvas de radio mínimo, escasa visibilidade e ausencia de espazo peonil, malia tratarse dunha zona con numerosas vivendas e un elevado tráfico de vehículos, incluso pesados.

A Deputación leva anos traballando para executar unha ampliación da estrada e a construción dunha senda peonil, actuación cualificada como "urxente e prioritaria" polo goberno provincial. A tramitación viuse bloqueada nun primeiro momento pola falta do informe de Patrimonio, necesario para avanzar na redacción do proxecto, a tramitación das expropiacións e o inicio das obras, e agora polas autorizacións de ADIF para actuar na zona da vía do tren.

Unha vez que se reciba este permiso, a Deputación está comprometida a executar a actuación con máxima dilixencia e co maior respecto aos elementos patrimoniais existentes, dando así resposta a unha demanda histórica da veciñanza deste núcleo de Bergondo.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X