Estás en:Emprego

Cento corenta e cinco candidaturas optan á VIII edición dos premios PEL da Deputación, que se darán a coñecer o 19 de xuño no CEI da Coruña

O xurado reuniuse hoxe na Deputación para avaliar as propostas presentadas á oitava edición dos premios, dotados con 80.000 euros

A convocatoria bate récord de participación este ano

Cento corenta e cinco candidaturas optan á VIII edición dos premios PEL da Deputación, que se darán a coñecer o 19 de xuño no CEI da Coruña

A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe a reunión do xurado da oitava edición dos Premios PEL, os galardóns cos que a institución provincial recoñece as mellores iniciativas empresariais da provincia no marco do Plan de Emprego Local (PEL).

A convocatoria deste ano bateu récord de participación, cun total de 145 candidaturas presentadas. Delas, 132 corresponden a empresas e persoas autónomas que presentaron propostas nalgunha das categorías principais: mellor iniciativa emprendedora, mellor traxectoria empresarial, mellor iniciativa de territorio sostible e mellor iniciativa empresarial singular. Ademais, o xurado propuxo 13 candidaturas á categoría honorífica de mellor iniciativa transformadora do rural.

Durante a reunión celebrada hoxe, os membros do xurado avaliaron as candidaturas presentadas e puxeron en común as puntuacións outorgadas a cada unha delas. A valoración terá en conta criterios como a idea de negocio, o impacto e a visibilidade no territorio, a innovación, a responsabilidade social empresarial e a capacidade de transformación económica e social das empresas participantes.

A Deputación da Coruña convoca por oitavo ano estes premios dentro das accións do Plan de Emprego Local, co obxectivo de recoñecer, dar visibilidade e apoiar proxectos empresariais capaces de xerar actividade, emprego e novas oportunidades nos concellos da provincia.

As empresas galardoadas daranse a coñecer o venres 19 de xuño nun acto que se celebrará no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC da Coruña. A entrega contará coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso; da deputada da área de Emprego, Rosa Ana García; dos membros do xurado; e de representantes do tecido empresarial e social da provincia.

80.000 euros en premios

Os Premios PEL repartirán este ano un total de 80.000 euros entre as iniciativas gañadoras, consolidándose como un dos galardóns con maior dotación económica de Galicia para recoñecer e apoiar o emprendemento, a innovación e o desenvolvemento económico local.

O xurado estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla Ramil, e contou como secretario con Manuel Vázquez Sesmonde, xefe do Servizo de Desenvolvemento Territorial, Sectores Produtivos, Emprego e Transición Ecolóxica da Deputación da Coruña.

Tamén participaron José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela; Antonio García Lorenzo, catedrático de Escola Universitaria na Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento; Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Romyna Fraga Lesta, xefa da área de Emprendemento da Cámara de Comercio da Coruña; e Carme Pampín Casal, cofundadora e CEO de Galchimia S.A., empresa gañadora da cuarta edición dos Premios PEL.

O presidente do xurado, Antonio Fontenla, destacou o elevado nivel das propostas presentadas e sinalou que as candidaturas "continúan subindo o listón ano tras ano", tanto pola calidade dos proxectos como pola súa capacidade para xerar valor no territorio.

Por concellos, A Coruña concentra o maior número de candidaturas presentadas, con 55, seguida de Santiago de Compostela, con 22, e Oleiros, con 7.

O acto do 19 de xuño no CEI servirá tamén como espazo de encontro entre as entidades e empresas candidatas, favorecendo o contacto entre empresas, persoas emprendedoras e representantes institucionais vinculados ao desenvolvemento económico da provincia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X