Estás en:Emprego

A Deputación reuniu no Pazo de Arenaza o talento emprendedor da provincia arredor da intelixencia artificial e a transformación dixital

Máis de trinta persoas participaron na xornada da Startup Europe Week, organizada polo PEL e a Rede Provincial de Espazos de Traballo con motivo do décimo aniversario desta iniciativa europea

A Deputación reuniu no Pazo de Arenaza o talento emprendedor da provincia arredor da intelixencia artificial e a transformación dixital

A Deputación da Coruña reuniu onte no Pazo de Arenaza, en Oleiros, máis de trinta persoas vinculadas ao emprendemento, á innovación tecnolóxica e á intelixencia artificial no marco dunha nova edición da Startup Europe Week, que este ano celebra o seu décimo aniversario como unha das iniciativas europeas de referencia para conectar talento, proxectos e ecosistemas emprendedores.

A xornada, organizada polo Plan de emprego local (PEL) e a Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, puxo o foco na intelixencia artificial e na transformación dixital como ferramentas clave para impulsar novos modelos de negocio, reforzar a competitividade das empresas e xerar oportunidades no territorio.

O encontro combinou relatorios especializados, presentacións de proxectos innovadores, espazos de diálogo entre emprendedores e un peche institucional a cargo da deputada de Industria, Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, que destacou o papel da Deputación como administración aliada dos emprendedores e as empresas que apostan pola innovación a través da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, sinalou Rosa Ana García.

A deputada subliñou ademais a importancia de contar con espazos como o Pazo de Arenaza para conectar proxectos, empresas, profesionais e talento novo. "Temos que ser capaces de crear oportunidades en todo o territorio, non só nas grandes ciudades, e facer da provincia da Coruña un espazo atractivo para emprender e desenvolver proxectos con futuro", afirmou.

A xornada foi presentada por Juan Diego Pereiro Areán e Carla Carballo Villar, que lles deron a benvida ás persoas asistentes e enmarcaron o encontro como un espazo para xerar conexións reais entre empresas, entidades, profesionais e talento novo do ecosistema emprendedor galego.

Un dos primeiros bloques estivo protagonizado por Jesús Lage, membro do Comité de Dirección e responsable de Emprendemento no Clúster TIC Galicia, que presentou o programa Tech Angels. Esta iniciativa conecta empresas emerxentes tecnolóxicas con perfís investidores e persoas expertas capaces de achegar financiamento, coñecemento sectorial, acompañamento e visión tecnolóxica.

A continuación, presentáronse distintos proxectos galegos que amosan a capacidade da tecnoloxía e da intelixencia artificial para transformar sectores moi diversos. Global Eco Transfer, da man da súa cofundadora Dayana Barrera Farías, expuxo unha proposta que une mobilidade, sostibilidade e servizo profesional. Aethenova IA, presentada polo seu cofundador Gerardo García Yebra, amosou aplicacións da intelixencia artificial no ámbito financeiro e empresarial.

Tamén participou Qaroní, representada por Rocío Bardón, empresa galega especializada no desenvolvemento de software, solucións dixitais e integración de tecnoloxías como intelixencia artificial, datos e experiencia de usuario. O bloque completouse con Igalia, compañía nacida na Coruña e recoñecida internacionalmente polo seu traballo en software libre, tecnoloxías web e proxectos de código aberto de alto impacto, coa intervención de Ana Rute Mendes e Xabier Rodríguez Calvar.

A sesión incluíu tamén a intervención de Manuel García García, mentor experto da CEC no programa Provincia Emprendedora, que abordou as claves para achegarse á inversión e explicou a importancia de saber comunicar o valor dun proxecto, facer visible a súa viabilidade e entender que buscan as persoas ou entidades que poden apostar por el.

O encontro rematou cun espazo de traballo en rede que permitiu prolongar as conversas iniciadas durante a mañá, intercambiar contactos e explorar posibles colaboracións entre persoas asistentes, emprendedoras e representantes de entidades.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X