Estás en:Emprego

O concurso ‘Quero Cantar’ 2026 fai públicos os grupos que actuarán na final da IX edición

Na modalidade infantil resultaron finalistas O Mar dos Sentimentos, do CEIP de Caión (A Laracha); Tentáculo Rock, de Ames e Libres, do CEIP Irmáns Villar (Ourense)

Na modalidade xuvenil resultaron finalistas Son da Lúa, de Cangas de Morrazo; Tha Filez, de Santiago de Compostela e Noxem, de Vigo

A gala final do certame organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, celebrarase o domingo 12 de abril, ás 18:00 horas, no Teatro Colón da Coruña

O concurso ‘Quero Cantar’ 2026 fai públicos  os grupos que actuarán na final da IX edición

A novena edición do concurso de música infantil e xuvenil 'Quero Cantar' da Deputación da Coruña fai pública a selección de propostas finalistas neste 2026. Logo de que o xurado profesional fixese a selección sobre as gravacións recibidas, as formación escollidas terán en breve a oportunidade de amosar o seu bo facer no escenario, defendendo as súas pezas en directo na gala final que, como cada ano, acolle o Teatro Colón da Coruña. Nesta ocasión, a cita será o domingo 12 de abril, ás 18:00 horas e con entrada de balde (previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma www.ataquilla.com).

A gala estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza e, alén das actuacións dos grupos que chegan á final, contará tamén sobre o escenario co dúo gañador na categoría xuvenil do Quero Cantar na anterior edición, Emma & Candela.

As finalistas desta IX edición do 'Quero Cantar' foron elixidas por un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música. Nesta edición foron:

  • MJ Pérez: Cantante, compositora e artista audiovisual, foi Premio Martín Códax da Música Galega en 2021, na categoría de Canción de Autor. Suma xa cinco álbums, o último deles neste mesmo 2026, que acaba de presentar: Je tiens bon, cunha ampla fusión de estilos que combina canción de autora, pop, rock, música de raíz, ritmos latinos e brasileiros.
  • Carmen Rey: Cantante e docente musical, a súa traxectoria inclúe a participación nas bandas de Xosé Manuel Budiño e Nani García. Mais tamén mantén diversos proxectos vocais en activo nos eidos do jazz, soul, R&B ou funk, como é o caso do cuarteto Ejazz ou o coro Sisters in the House.
  • Pakolas: Gañador do XIV Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña, este músico, compositor e produtor comezou sendo membro do grupo Mamá Cabra e formou despois a banda de música infantil A Gramola Gominola. Tamén forma parte de Zënzar.
  • Ángeles Dorrío: Cantante, compositora e docente no eido da música, acumula unha longa traxectoria fundamentalmente nos eidos do jazz, soul, R&B e funk.
  • Fran Barcia: Músico e docente, destaca a súa traxectoria como acordeonista e o seu labor dinamizador que deu en eventos como a interxeracional Xuntanza de Acordeóns de Arume. Formou parte do grupo Samarúas e actualmente integra a banda de Xosé Manuel Budiño.

O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividad González Rodríguez, actuando como secretaria a xefa da área de Cultura da Deputación da Coruña, Manuela Muñiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso. Organización e xurado destacaron a consolidación do certame e subliñaron a orixinalidade e creatividade das pezas presentadas en ambas as dúas categorías.

Lembramos que o 'Quero Cantar' contempla dúas modalidades: infantil (ata 12 anos con presenza dunha persoa adulta), e xuvenil (de 13 a 16 anos). Na gala final, o xurado estará integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas do mesmo abano de idade que as bandas seleccionadas para a final.

Finalistas na categoría infantil

Na modalidade infantil resultaron finalistas os grupos O Mar dos Sentimentos, do CEIP de Caión (A Laracha); Tentáculo Rock, de Ames; e Libres, do CEIP Irmáns Villar (Ourense).

— O Mar dos Sentimentos (CEIP de Caión)
Canción: Nada pode pararme

Co alento do músico e docente Jose Carballido, esta escola demostrou ser unha vizosa canteira para o certame e ata case medio cento de nenos e nenas participaron no casting previo do colexio para integrar o grupo, que finalmente conta com once integrantes. A canción compúxose especialmente para o proxecto de educación emocional que desenvolve o centro educativo e na súa mensaxe, "quere animar ao alumnado a reflexionar sobre as emocións, a confianza nun mesmo e a importancia de non renderse ante as dificultades".

—Tentáculo Rock (Ames)
Canción: Vou a cento vinte

Foi na altura de 2017 e na escola unitaria A Igrexa de Ortoño, en Ames, cando se coñeceron tres dos catro integrantes do grupo: Carlos Nieto (voz, batería e piano), Leo Figueiras (guitarra) e Lois García (baixo). Como "TríoR" explotaron as súas temperás inquedanzas artísticas sorprendendo o público en canta celebración escolar puideron participar. En 2025 o proxecto transfórmase coa entrada na banda de Martiño Ramos (voz e batería), virando a Tentáculo Rock. No medio da súa formación en diversas disciplinas, atopan tempo para, cada xoves pola tarde, ensaiar e idear novas composicións orixinais.

—Libres (CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense)
Canción: Quero brillar coma ti

Libres xa conseguira acceder á final na edición anterior. É un grupo formado por alumnado de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, que se xuntan na aula de música do profesor Anxo Fernández. Nesta ocasión traen a peza "Quero brillar coma ti", na que a lingua galega convértese "nunha persoa á que botas de menos, como alguén importante que non ves tanto como che gustaría". A través desta idea, o grupo quere transmitir cariño, alegría e tamén un pequeno toque de esperanza: a de volver atoparse, coidar e facer brillar o noso idioma.

Finalistas na categoría xuvenil

Na modalidade xuvenil resultaron finalistas os grupos Son da Lúa, de Cangas de Morrazo; Tha Filez, de Santiago de Compostela e Noxem, de Vigo.

—Son da Lúa (Cangas de Morrazo)
Canción: O meu mozo virtual

O grupo nace en 2025, no contexto do conservatorio de Cangas de Morrazo, onde un grupo de alumnos de 3º de Profesional: Paula Costa, Hugo Rial, Laura Alfonso e Martín Jaramillo. Como este último xa participara anteriormente no certame, xorde a idea de compoñer unha peza para esta edición. Ao longo do curso van pulindo o tema, e no segundo trimestre afondan na parte máis instrumental, sempre en equipo e en estreita colaboración.

—Tha Filez (Santiago de Compostela)
Canción: Rebelión

Comezaron tocando versións de clásicos e agora afondan na composición propia. Cualifican a peza proposta como grunge rock reinvindicativo "no que mostramos un anaco da actualidade que nos está tocando vivir". "Falamos sobre o odio que moita xente usa constantemente como resposta a todo, sobre a falta de coñecemento histórico e xeral, sobre a aprobación dos medios cara a reximes xenocidas e xenófobos que están completamente en contra dos dereitos humanos... Nela, reclamamos un mundo con igualdade de condicións e dereitos, sexas migrante, muller, home, gai, musulmán, católico ou o que queira que sexas.".

—Noxem (Vigo)
Canción: Esperta

Daquela co nome de Wildfire, foron xa finalistas na edición anterior. O grupo está formado por catro rapazas de 15 e 16 anos: Uxía García á voz, Nora Lora á guitarra, Uxía Romero na batería e Maya Sáez no teclado. O grupo formouse no IES Alexandre Boveda, no que cursan 4º da ESO. O seu estilo é rock, máis con trazos propios que tocan paus do metal, pop, punk ou grunge. Con esta canción queren reflectir o sentimento de non atoparse ben con elas mesmas por algo ou alguén que non deixa "espertar" e ser un mesmo completamente. Tamén tratan temas como "a vergoña propia, o arrepentimento ou a dor de non ser suficientes para alguén que non as aprecia".

O grupo convidado é Emma & Candela, gañadoras da edición 2025 na categoría xuvenil. Trátase dun dúo formado por Emma Pérez e Candela Caamaño, alumnas da Escola Municipal de Música de Ames, que compuxeron a súa propia canción dentro das clases colectivas baixo o lema "Escribe as túas propias cancións". Desde o primeiro momento, amosaron unha gran paixón pola música e unha motivación excepcional para crear algo propio. A peza, coa que resultaron vencedoras, 'Preto de ti', reflicte a súa visión artística e evolución musical.

Recordamos que a asistencia á gala final será de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma www.ataquilla.com).

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X