Estás en:Emprego

A Deputación destaca en Boiro o potencial de Olea Atlántica para recuperar a oliveira galega e xerar actividade no rural

Rosa Ana García visitou a plantación de Runs e destacou o papel da Rede de Coworking no impulso a proxectos innovadores ligados ao territorio

A empresa desenvolve o seus productos no Lab Barbanza, un dos doce centros da Rede de Coworking da Deputación

A Deputación destaca en Boiro o potencial de Olea Atlántica para recuperar a oliveira galega e xerar actividade no rural

A Deputación da Coruña continúa a impulsar o emprendemento e a innovación como motores de desenvolvemento económico e fixación de poboación no rural. A deputada de Industria e Emprego, Rosa Ana García, visitou esta mañá en Boiro o proxecto Olea Atlántica, unha iniciativa empresarial que combina innovación e valorización do patrimonio agrario coa produción de aceite de oliva virxe extra 100% galego de alta calidade.

A visita tivo lugar na finca de produción que Olea Atlántica ten no lugar de Runs, onde a deputada percorreu a plantación e puido comprobar o bo estado das oliveiras, que comezan xa a agromar de cara á próxima colleita. Sobre o terreo, coñeceu tamén os detalles do proceso produtivo e da elaboración do aceite, que se desenvolve no mes de novembro.

Olea Atlántica ten a súa sede operativa no LAB Barbanza, en Boiro, un dos 12 centros que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación, onde desenvolveu a súa fase inicial de lanzamento e consolidación empresarial.

Durante a visita, Rosa Ana García destacou o valor deste tipo de iniciativas para dinamizar o rural e xerar novas oportunidades económicas. "Proxectos como Olea Atlántica demostran que é posible pór en valor o noso agro creando produtos de alta calidade, de proximidade e con identidade propia. Desde a Deputación apoiamos o talento e a iniciativa emprendedora que hai detrás de moitos proxectos como este a través da Rede de Coworking, facilitando que as boas ideas se convertan en realidades, en proxectos empresariais sólidos que creen emprego e actividade económica", sinalou.

O proxecto baséase en investigacións do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) que identificaron máis dunha ducia de variedades de oliveiras únicas en Galicia que estaban a punto de desaparecer. A empresa aposta pola recuperación destas variedades autóctonas de oliveira galega para elaborar un aceite de oliva virxe extra premium, con producións limitadas que destacan polas características singulares do clima atlántico.

Rede Provincial de Coworking

A Rede Provincial de Coworking, unha das apostas estratéxicas do Plan de Emprego Local (PEL), consolidouse como un instrumento clave de apoio ao emprendemento na provincia. Está formada por 12 espazos distribuídos por todo o territorio, que ofrecen asesoramento, acompañamento e infraestruturas para facilitar a posta en marcha e crecemento de proxectos empresariais.

Este modelo contribúe non só á creación de emprego, senón tamén á fixación de talento e poboación no rural, favorecendo un desenvolvemento económico máis equilibrado e sostible en toda a provincia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X