A Deputación da Coruña reivindica a inclusión no acto polo Día Mundial da Síndrome de Down
A deputada provincial de Política Social, Mar García Vidal, participou este venres no acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down, celebrado no marco da entrega de premios organizada por Down Compostela.
Durante a súa intervención, García Vidal destacou que "dá gusto asistir a actos coma este, nos que se respira compromiso coas persoas", subliñando a importancia de recoñecer o traballo das entidades sociais, das familias e das institucións na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.
A deputada provincial puxo en valor o significado desta data, que se celebra cada 21 de marzo en referencia á trisomía do cromosoma 21, lembrando que "a diversidade forma parte da propia natureza humana e debe ser entendida como unha riqueza".
Neste sentido, incidiu en que a inclusión "non ocorre soa, senón que se constrúe día a día co esforzo colectivo", e destacou o labor de entidades como Down Compostela, ás que cualificou como "un exemplo de traballo constante, profesional e profundamente humano que abre portas e crea oportunidades".
