Formoso destaca a importancia de que A Coruña acolla o cumio internacional REAIM 2026 nun encontro co director xeral do CESTIC
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe no seu despacho do Pazo Provincial ao director xeral do Centro de Sistemas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CESTIC), o tenente xeral José María Millán Martínez, con motivo da celebración do III Cumio Internacional sobre o Uso Responsable da Intelixencia Artificial no Ámbito Militar (REAIM 2026).
A reunión celebrouse como previa ao cumio internacional, que terá lugar mañá e pasado mañá, 4 e 5 de febreiro, na cidade da Coruña, e que converterá a capital provincial nun espazo de referencia para o debate global sobre os desafíos éticos, xurídicos e tecnolóxicos asociados ao uso da intelixencia artificial no ámbito da defensa.
Durante o encontro, Formoso e Millán abordaron a relevancia estratéxica dunha cita que reunirá representantes institucionais, expertos internacionais e responsables de defensa para reflexionar sobre o desenvolvemento e a aplicación responsable da intelixencia artificial en contextos militares.
Valentín González Formoso subliñou o valor de que un foro internacional destas características se celebre na provincia: "Que A Coruña sexa sede dun cumio deste nivel é unha mostra da súa capacidade para acoller grandes eventos e para participar activamente nos debates globais máis relevantes", afirmou.
