A Deputación da Coruña organiza esta semana unhas xornadas para repensar os patrimonios marítimos
Xosé Penas, deputado de Patrimonio, destacou hoxe que o evento vai permitir «ampliar a ollada sobre o patrimonio marítimo da provincia desde unha perspectiva plural e contemporánea»
As xornadas terán lugar o venres e o sábado na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña, baixo o título 'Memoria entre mareas. Unha nova ollada aos patrimonios marítimos da provincia da Coruña'
O Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña acollerá esta semana as xornadas 'Memoria entre mareas. Unha nova ollada aos patrimonios marítimos da provincia da Coruña'. Trátase dunha iniciativa que forma parte das Aulas Científicas 'A luz da ciencia' que impulsa a Deputación da Coruña. Os días 6 e 7 de febreiro, especialistas de recoñecido prestixio debullarán sobre distintos aspectos dos patrimonios marítimos da provincia, tanto materiais como inmateriais.
Durante estas dúas xornadas, o patrimonio do mar será abordado como espazo de traballo, memoria colectiva, identidade, arquitectura, paisaxe cultural e fonte de creación; unha visión plural, inclusiva e actualizada do patrimonio costeiro galego, cun especial foco no aspecto laboral e na perspectiva de xénero.
Este martes, na presentación do evento, o deputado de Patrimonio, Xosé Penas salientou que as Aulas Científicas da Deputación «van permitir ampliar a ollada sobre o patrimonio marítimo da provincia desde unha perspectiva plural e contemporánea, incorporando dimensións materiais e inmateriais que forman parte da nosa identidade colectiva».
Apuntou tamén a importancia de «dar visibilidade á arquitectura, á tradición oral, o traballo no mar e especialmente as achegas das mulleres, tradicionalmente esquecidas ou invisibilizadas nos relatos» sobre este ámbito. Para conseguilo, puxo en valor a participación «dun elenco de especialistas de primeiro nivel, procedentes de distintos ámbitos do coñecemento, que achegan unha visión rigorosa e actualizada».
Neste sentido, o responsable de proxectos de Trivium, Leo González, subliñou que «estas xornadas manexan dúas ideas clave: a interdisciplinariedade e o concepto plural de patrimonios». Destacou tamén esta nova edición das Aulas Científicas vai incorporar visións «con frecuencia esquecidas», como o patrimonio sonoro, alén de afondar «no coidado e recuperación da arquitectura ou a incorporación da paisaxe patrimonial no audiovisual galego», sen esquecer o patrimonio subacuático ou a reivindicación do patrimonio do traballo a partir dunha perspectiva de xénero.
Programación
A inauguración institucional terá lugar o venres 6 de febreiro ás 10:00 horas e correrá a cargo de Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña. A sesión de apertura contará coa intervención de Olaia Fontal, directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España e catedrática da Universidade de Valladolid, que ofrecerá a conferencia 'Do patrimonio aos patrimonios: narrar, vincular, transformar'.
Luisa Muñoz, directora da Cátedra Juana de Vega e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, analizará o papel das mulleres nas industrias marítimas galegas dos séculos XIX e XX, mentres que Sandra Amézaga, coordinadora xeral de Mulleres Salgadas; Bibiana Martínez, investigadora do grupo Histagra da USC; e Rogelio Queiruga, mariñeiro e divulgador, reflexionarán sobre igualdade, coidado do medio e divulgación do traballo do mar.
O programa inclúe tamén unha sesión dedicada ao patrimonio subacuático e á memoria dos naufraxios, coa participación de Fernando Patricio Cortizo, historiador naval e presidente da Asociación Cultural Naufraxios Galegos. A dimensión inmaterial do patrimonio costeiro estará presente a través das paisaxes sonoras e da tradición oral, con achegas de Xoán-Xil López e Faia Díaz.
A conservación do patrimonio marítimo será abordada desde o compromiso social coa experiencia de María José García e Miguel Martínez Modroño, da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros de Sada, e cunha conversa titulada 'A palabra é un navío', coa participación de Xosé Iglesias e Anxo Angueira.
A xornada do sábado estará dedicada ao patrimonio industrial marítimo, á paisaxe litoral e á reutilización de bens históricos, con intervencións de Carmen Fabregat, Óscar Fuertes Dopico, Àlex Aguilar e Uxía Caride. O peche correrá a cargo de Quico Cadaval, cunha intervención na que a palabra, a memoria e a comunidade servirán de fío condutor para reivindicar o patrimonio inmaterial do mar como espazo vivo de identidade colectiva.
Máis información:
