Estás en:Emprego
BPDC difusión cultural e fomento da lectura

Día da Ilustración 2026

O Día da Ilustración naceu cos obxectivos de lembrar e reivindicar o papel dos e das profesionais da ilustración na industria cultural e de facer, cada ano unha homenaxe a un ilustrador ou ilustradora galega. A efeméride foi creada no ano 2014, tomando como referencia a data do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao -o 30 de xaneiro-, incluída no Calendario do Libro e da Lectura que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Este 2026 dedícaselle a Siro.

Día da Ilustración 2026

Siro López Lorenzo, máis coñecido como Siro, nado en Ferrol o 19 de xaneiro de 1943, é un recoñecido humorista gráfico, caricaturista e ensaísta galego.

Obra

Profesionalmente, comezou como delineante na empresa metalúrxica Bazán, e publicou os seus primeiros debuxos en 1970, na revista Chan (dirixida por Raimundo García Domínguez Borobó). Axiña se especializou na caricatura e o humor e colaborou asiduamente en diferentes xornais galegos, como Ferrol Diario (en 1971), El Ideal Gallego (1972), La Región (1973), El Norte de Galicia (1980) e, especialmente, La Voz de Galicia, xornal co que traballou desde 1985 ata 2006 como caricaturista político, fundamentalmente. Desde o 2000 coordinou o suplemento de humor de La Voz titulado Xatentendo.com.

Entre 1997 e 1999 colaborou en Diario 16 no espazo "Almas del nueve largo", con Xosé Luis Alvite.

Tamén apareceron debuxos seus en distintas revistas (Grial, Teima, Vagalume, Can sen Dono, Encrucillada e outras) e ilustrando numerosos libros de diferentes autores (Neira Vilas, Chao Rego, Manolo Rivas, Xavier Alcalá, Barreiro Rivas, Helena Villar etc.).

É o autor das ilustracións dos sete volumes dedicados á antropoloxía dentro do Proxecto Galicia, de Hércules Edicións, e os cinco volumes da serie Mitoloxía editada por Ediciones de la Torre. Realizou as medallas das coleccións Letras Galegas e Xacobeo 99, en colaboración co escultor Manuel Ferreiro Badía. En 1997 deseñou o selo conmemorativo do Día das Letras Galegas dedicado a Ánxel Fole.

Co tempo, publicou máis de 15 álbums, desde aqueles primeiros Humor 71 (1971) ou Probes homes (1975) ata os últimos, como Siro 30 anos despois (2000) ou Xente na brétema (2003), á vez que presentou numerosas exposicións, monográficas ou non, dos seus traballos de caricaturas, retratos e o que deu en chamar "figuracións". Co gallo do Día das Letras Galegas 2009, outorgado a Ramón Piñeiro, presentou a exposición Ramón Piñeiro na lembranza.

Xunto con Xaquín Marín impulsou un manifesto en defensa do humor, do que naceu a idea do que hoxe é o Museo do Humor de Fene. Neste mesmo sentido cómpre lembrar que foi o deseñador do proxecto da Praza do Humor, na Coruña, en 1990.

Tamén colaborou desde o principio na radio e na televisión como guionista, realizador ou locutor. Na COPE de Ferrol foi guionista e director do programa O espello, entre 1970 e 1985; en Radio Voz realizou Corre, Carmela, que chove, entre 1993 e 1999; na Televisión de Galicia colaborou en programas como Mosteiros ou lendas, Riscos (con 50 entrevistas a artistas plásticos galegos) e, en 1990, dirixindo ¿Imos aló?, o primeiro curso de galego neste medio.

Obras en galego

Ensaio

  • Castelao e os nenos, 1980.
  • ¿Como debuxar caricaturas?, 1991, Xunta de Galicia.
  • O caricaturista Xosé María Cao, 1993.
  • Castelao humorista, 1996, Centro Ramón Piñeiro.
  • Celestino Fernández de la Vega, 2001.
  • Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo, 2017, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Teatro

  • Hai que confiar na esperanza, 2003.
  • Literatura infanto-xuvenil
  • Sorrir en Frades, 1994.

Obras colectivas

  • "Humor e límites de humor en Ramón Piñeiro", en Homenaxe a Ramón Piñeiro, 2009, Centro Ramón Piñeiro, no que profunda sobre os desencontros entre Piñeiro e Xosé Manuel Beiras
  • Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade, 2009, Difusora.
  • "Xosé Chao Rego: renacer galego" (Actas do Simposio-Homenaxe), 2010, Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.
  • Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro, 2011, Asociación de Escritores en Lingua Galega, libro electrónico.
  • O humor en cadriños. Conversas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro, de Félix Caballero, 2012, Morgante.
  • Os aforismos do riso futurista, 2016, Xerais.
  • Antonio Fernández Morales, autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017) (Edicións Fervenza, 2017).

Artigos

  • "Simplicissimus, Gulbransson e Castelao", 1979, Grial, onde desenvolve a influencia do humorista alemán Gulbransson sobre Castelao.

Obra en castelán

Ensaio

  • Castelao en el arte europeo, 2016, Real Academia Galega de Belas Artes.

Recoñecementos

Recibiu, entre outros, os premios Merlín (por dúas ocasións: El Progreso, 1980, e Museo do Humor de Fene, 1996), a Vieira do Humor Gráfico (Enxebre Orde da Vieira, 1982), o Premio Fernández Latorre (La Voz de Galicia, 1986 Fundación Fernández Latorre), Ferrolán do ano (1991), o Premio Xornalismo (Xunta de Galicia, 1991), a Medalla da Prata de Galicia (Xunta de Galicia, 1997) e o Premio Galicia Comunicación (2001), ademais do xa citado Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro en 2003.

A súa obra está exposta en diferentes centros como por exemplo no Museo Carlos Maside (Sada), no Museo do Humor (Fene), no Museo Municipal de Ferrol ou no propio Centro Ramón Piñeiro. Tamén forma parte das coleccións de Caixa Galicia, Caixanova, Universidade de Santiago de Compostela ou do Parlamento Galego.

Outros premios

  • Finalista no certame da Agrupación Cultural O Facho no 1973, por Xurxo.
  • Premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho no 1982, por Boliche.
  • Premio Álvaro Cunqueiro no 2003, por Hai que confiar na esperanza.
  • Premio Bo e Xeneroso da AELG no 2013.
  • Premio de Proxección Global do Encontro Mundial de Humorismo da Coruña (EMHU), pola súa traxectoria (2023).
  • Amigos dos Museos de Galicia: premio Pedra do Destino 2023.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X