Estás en:Emprego

Máis de 6.000 pemes, microempresas e persoas autónomas solicitan as axudas PEL 2026 da Deputación da Coruña

Máis de 6.000 pemes, microempresas e persoas autónomas solicitan as axudas PEL 2026 da Deputación da Coruña

O Plan de emprego local (PEL) da Deputación da Coruña rexistrou un total de 6.050 solicitudes tras o peche do prazo da convocatoria de 2026, que estivo aberto desde o 15 de novembro ata o 16 de decembro ás 14:00 horas.

A elevada demanda confirma, máis un ano, a consolidación do PEL como unha ferramenta esencial para apoiar o tecido empresarial, crear emprego estable e contrubuír a fixar poboación, especialmente nos concellos máis pequenos da provincia. "Falamos dun programa que funciona, que dá resposta ás necesidades reais de persoas autónomas, pemes e microempresas e que se converteu nun piar fundamental para o desenvolvemento económico do rural coruñés", destacou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Preto de 4.000 solicitudes para cotas de persoas autónomas á Seguridade Social e alugueiro de negocios

A principal novidade desta convocatoria foi a incorporación, dentro da liña PEL-Autónomos/as, da posibilidade de subvencionar as mensualidades de alugueiro de baixos comerciais, naves, oficinas ou centros de traballo, cunha contía entre 200 e 500 euros ao mes, ata un máximo de 6.000 euros anuais, mantendo ademais a subvención das cotas á Seguridade Social, unha das máis demandadas polos e polas profesionais autónomas da provincia.

Esta liña, dirixida a persoas con domicilio fiscal e centro de traballo en concellos de menos de 10.000 habitantes, rexistrou 3.945 solicitudes, das que 3.055, o 77,4%, proceden de persoas que non solicitaron esta axuda en anos anteriores, evidenciando a importancia deste apoio para o mantemento e fortalecemento do autoemprego. Entre os concellos con maior número de solicitudes destacan Melide, Mazaricos, Cedeira e Santa Comba.

Investimentos no rural

O número de solicitudes tamén aumentou nas axudas para investimentos no rural. A liña PEL-Emprende Investimento, destinada a pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas que desenvolven a súa actividade en concellos de menos de 10.000 habitantes, rexistrou 1.445 solicitudes, superando as cifras de anos anteriores. Os concellos con maior volume de empresas e persoas autonómas solicitantes foron Santa Comba, Mazaricos e Negreira, e predomina o sector gandeiro. As empresas beneficiarias poderán destinar os fondos a investimentos en bens inventariables imprescindibles para o desenvolvemento da súa actividade, como maquinaria, mobiliario, equipos para procesos de información ou aplicacións informáticas, contribuíndo á modernización e á competitividade do tecido empresarial.

660 solicitudes para crear ou manter postos de traballo

As axudas PEL-Pemes, destinadas á creación e ampliación do cadro de persoal, tamén rexistraron un aumento de solicitudes. A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación do cadro de persoal, que subvenciona o 60% dos custos das novas contratacións, recibiu 470 solicitudes, mentres que a liña PEL-Pemes Mantemento, que cubre o 50% dos custos salariais do segundo ano de contratacións indefinidas realizadas ao abeiro de PEL-Pemes Creación e Ampliación 2025, rexistrou 190 solicitudes.

O sector terciario, especialmente hostalería e comercio, foi o que presentou maior demanda, seguido do sector gandeiro. As empresas con máis solicitudes nesta liña teñen a súa sede en Santa Comba, Boiro e Mazaricos. Estas axudas teñen un impacto directo na xeración de novas oportunidades laborais, contribuíndo á fixación de poboación no rural e á mellora das condicións de emprego na provincia, fomentando un emprego estable e de calidade.

O Plan de emprego local é unha das principais apostas da Deputación da Coruña para impulsar a economía local. Entre 2016 e 2025 destináronse máis de 127 millóns de euros, creáronse 8.131 empregos e consolidouse como unha ferramenta clave para apoiar o tecido empresarial, especialmente no rural, e fixar poboación.

Ademais, o programa impulsou unha pioneira Rede Provincial de Coworking con 12 centros distribuídos por toda a provincia, tres deles especializados en transformación agroalimentaria. En 2026, a Deputación manterá este esforzo, reforzando o tecido empresarial, promovendo emprego de calidade e xerando oportunidades no rural coruñés, apoiando unha economía local forte, sustentable e innovadora.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X