Estás en:Emprego

A Deputación participa na presentación de ‘Raíñas de Galicia’, dedicado a mulleres con poder silenciadas pola historiografía oficial

Natividade González destaca en Santiago o papel das protagonistas femininas da Galiza medieval

O traballo transmedia de GCiencia foi un dos gañadores do III Fondo de proxectos culturais do Reino da Galiza, promovido pola Deputación

A Deputación participa na presentación de ‘Raíñas de Galicia’, dedicado a mulleres con poder silenciadas pola historiografía oficial

A deputada de Cultura, Natividade González, interveu este mércores na presentación de 'Raíñas de Galicia', unha iniciativa transmedia de GCiencia que se situou entre as propostas gañadoras do III Fondo de proxectos culturais do Reino da Galiza, que promove a Deputación da Coruña. 'Raíñas de Galicia' procura recuperar e divulgar a memoria das mulleres que marcaron a nosa historia medieval, segundo se explicou durante este acto, que tivo lugar no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Natividade González congratulouse de poder estar na presentación "dun encontro coa nosa historia", neste caso a través dunha proposta que quere divulgar o papel das mulleres que exerceron poder en Galiza ao longo da historia, "tradicionalmente esquecidas ou silenciadas polos relatos históricos oficiais", apuntou.

Puxo tamén en valor o papel da Deputación da Coruña á hora de promover este tipo de iniciativas, pois demostran que a cultura é "unha ferramenta política, no mellor sentido da palabra", que serve "para construír conciencia, espírito crítico e comunidade".

Quince mulleres protagonistas da nosa historia

A sesión abriu cunha presentación dedicada ao proxecto, onde se expuxo a selección de quince perfís femininos elaborada a partir de documentación e fontes expertas para analizar a influencia e o poder que estas figuras exerceron na historia galega. Proxectouse tamén material audiovisual creado especificamente para esta iniciativa, que conta asemade con páxina web e podcast.

A seguir tivo lugar unha mesa redonda titulada 'De Urraca a Teresa de Zúñiga: as mulleres con poder na Galicia medieval', que contou coa intervención de Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Universidade de Santiago; de Diana Pelaz Flores, investigadora e profesora de Historia Medieval na mesma universidade; e de Suso Vila, doutor en Historia da Arte e xestor cultural. A quenda final reservouse para un breve coloquio co público.

Proxecto transmedia

'Raíñas de Galicia' é un proxecto transmedia promovido por GCiencia que combina contidos audiovisuais, pódcast e materiais escritos para divulgar a historia do Reino de Galiza desde unha perspectiva centrada nas súas protagonistas femininas. A proposta estrutúrase en quince episodios dedicados ás mulleres que contribuíron a definir o devir histórico galego e culmina nunha xornada divulgativa realizada en Santiago.

A Deputación da Coruña apoia esta iniciativa dentro das accións dirixidas á difusión cultural e á recuperación da memoria histórica con perspectiva de xénero.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X