A Deputación da Coruña licita as obras do novo miradoiro sobre o río Anllóns, en Ponteceso, por 62.276 euros
A Deputación da Coruña acaba de publicar a licitación das obras do novo miradoiro sobre o río Anllóns, no concello de Ponteceso, cun orzamento de 62.276,90 euros. O proxecto finánciase con cargo ao Plan de sostibilidade turística en destinos (PSTD) "Os Fogóns do Anllóns", impulsado pola institución provincial e financiado con fondos Next Generation EU.
O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 17 de decembro e o prazo de execución das obras é de dous meses.
O proxecto permitirá recuperar e poñer en valor un espazo natural de enorme interese paisaxístico, situado xunto á desembocadura do río Anllóns e moi próximo á Casa de Pondal. A actuación prevé a rehabilitación integral da zona do miradoiro mediante a substitución do valado deteriorado por un novo de madeira de iroco (Milicia excelsa), a instalación dunha varanda de vidro temperado que permitirá unha panorámica limpa da ría e a renovación completa das luminarias con modelos integrados no entorno e certificados para contornas Starlight.
A intervención inclúe tamén a mellora do mobiliario urbano, a instalación dun banco-hamaca e o resementado da zona, o que garantirá unha integración harmoniosa coa contorna e un respecto máximo polos valores naturais do espazo.
O proxecto forma parte da estratexia provincial para reforzar o turismo sostible na Costa da Morte.
