Estás en:Emprego

A Deputación instala en Balarés unha nova rede de refuxios para aves e morcegos

Rosa Ana García destaca o valor destas actuacións para protexer a fauna autóctona nunha zona afectada polos incendios de agosto

A Deputación instala en Balarés unha nova rede de refuxios para aves e morcegos

A Deputación da Coruña deu hoxe un novo paso na recuperación ambiental da contorna de Balarés coa instalación dunha rede de refuxios destinados a favorecer a presenza de aves e morcegos no piñeiral situado xunto á praia.

A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, participou xunto ao Grupo Naturalista Hábitat na colocación de 52 caixas refuxio, que permitirán mellorar as condicións de hábitat da fauna local nunha zona afectada polos incendios de agosto de 2025.

As caixas, fabricadas en cemento de madeira para garantir maior durabilidade e un mantemento mínimo, contribuirán a recuperar poboacións de especies clave para o equilibrio ecolóxico da área, especialmente no control natural de pragas e na restauración progresiva da masa forestal.

"Este proxecto representa un compromiso claro da Deputación coa conservación da fauna autóctona e coa restauración ambiental das áreas afectadas polos lumes deste verán. Son actuacións cun impacto directo na mellora da biodiversidade e tamén na protección do bosque fronte a pragas", subliñou Rosa Ana García.

A actuación complétase coa instalación de paneis informativos para promover a divulgación ambiental entre a cidadanía e explicar o papel esencial das aves e os morcegos nos ecosistemas. "Balarés é un espazo que recibe milleiros de visitantes cada ano. Por iso apostamos por combinar conservación e sensibilización, para fomentar un maior respecto polo medio e pola fauna que habita nel", engadiu a deputada.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X