Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños renovan o convenio para a xestión cultural e turística do Dolmen de Dombate en 2026

A institución provincial achegará un máximo de 62.184,41 euros para facilitar a xestión integral da atención de visitantes e actividades culturais

O deputado de Patrimonio, Xosé L. Penas, destaca a importancia de realizar accións de posta en valor "do noso rico patrimonio", sempre "mantendo a xestión a perspectiva da protección dos bens e da contorna"

A Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños renovan o convenio para a xestión cultural e turística do Dolmen de Dombate en 2026

O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, asinaron hoxe o convenio de colaboración que regula a xestión integral da atención de visitantes e das actividades culturais complementarias de posta en valor do Dolmen de Dombate e da cultura megalítica durante a anualidade 2026. Para facelo posíbel, a Deputación achegará ata un máximo de 62.184,41 euros.

O deputado de Patrimonio sinala a relevancia de realizar actividades ao redor dos elementos patrimoniais para contribuír á súa posta en valor, "especialmente do punto de vista cultural e histórico".

Así mesmo, Penas subliña a importancia de asinar este tipo de acordos institucionais para poñer a disposición dos Concellos a achega económica necesaria para a realización de actividades, "pero sempre mantendo a xestión da protección patrimonial dos bens e da contorna".

Accións de divulgación e posta en valor

O acordo establece que o Concello de Cabana asumirá a prestación dos servizos de guía-monitor, o control do tránsito no recinto e nos edificios, a organización das visitas guiadas, a coordinación co persoal de seguridade, a atención ao público, o control do uso de equipos audiovisuais, a información turística e cultural e a elaboración de estatísticas mensuais de visitas. Tamén dinamizar o centro arqueolóxico, promover o uso principal do galego e impulsar accións de divulgación e actividades culturais vinculadas coa cultura megalítica, así como a promoción como epicentro do Parque de Megalitismo da Costa da Morte.

O convenio inclúe unha programación anual de actividades complementarias: campañas de visitas escolares e obradoiros de prehistoria, xornadas e presentacións, celebracións como Primavera en Dombate ou Outono en Dombate, visitas teatralizadas, actividades de verán, concertos, contacontos e a tradicional Ruta e Noite das Estrelas. Prevese tamén a continuidade das visitas guiadas nocturnas nos meses de xullo e agosto, con inscrición previa e aforo limitado a 30 persoas.

O texto recolle igualmente os horarios mínimos de atención ao público en tempada baixa, tempada de excursións escolares de primavera e tempada alta; así como o procedemento de pagamento trimestral por parte da Deputación, que requirirá certificación de gastos e ingresos, memoria de actividades, informe estatístico e o cumprimento das obrigas fiscais e administrativas establecidas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X