Estás en:Emprego
A BPDC NA PROVINCIA

Curso Robótica (Micro Bit) en Aranga

Do 22 ao 30 de decembro de 2025, a Biblioteca Provincial achega á Biblioteca de Aranga un curso orientado á mocidade de Robótica educativa.

A inscrición xestiónase na biblioteca ou axencia de lectura onde se imparte.

Curso Robótica (Micro Bit) en Aranga

ROBÓTICA EDUCATIVA: MICRO BIT, PARA PÚBLICO INFANTIL

OBXECTIVOS DO TALLER

Ademais da asegurada diversión, os nenos e as nenas practicarán a motricidade fina, tendo un primeiro contacto coa robótica, aprenderán conceptos de mecánica a través da montaxe e posta en marcha dos robots. En función da curiosidade do grupo e as preguntas que fagan, coñecerán novos conceptos e entenderán mellor outros, xa adquiridos previamente, en relación ao mundo da tecnoloxía.

No ámbito da programación, ao iniciarse nunha nova linguaxe, o alumnado verá reforzada a importancia de traballar cunha gramática, unha semántica e un léxico correctos. A programación desenvolve unha fluidez no correcto uso doutras linguaxes, debido á obrigación de utilizar as instrucións de código de forma correcta. O computador só entende o que queremos dicirlle se o expuxemos de forma correcta.

Un piar fundamental que se potenciará con este taller será o das matemáticas, ben a través de operacións coñecidas e estruturas novas ou ben coa necesidade que nos impón a programación de volvernos máis analíticos e racionais. Así mesmo, abordaranse conceptos básicos doutros campos como a física.

Fomentarase o traballo cooperativo, terán que comunicarse activamente, chegar a puntos de encontro en canto a como se van a tratar os problemas, complementando debilidades e fortalezas dos e das integrantes.

Por último, coa presentación dos proxectos feitos ante os e as demais participantes, traballarán a comunicación en público, habilidade cada vez máis importante e necesaria no desenvolvemento escolar, social e profesional pois implica a capacidade de comunicación con eficacia co resto das persoas. Ao practicar esta destreza, aprenden a organizar e estruturar as súas ideas, a argumentar, escoitar e respectar as opinións dos e das demais, a desenvolver o pensamento crítico e, sobre todo, a gañar autoconfianza.

DETALLES DA ACTIVIDADE

Cada taller impartirase en 4 sesións, de 90 minutos cada unha, orientados a nenos e nenas de 10 a 12 anos, cun total de 6 horas de duración, cun máximo de 12 participantes.

CONTIDO DO CURSO

SESIÓN 1: ROBOT FUTBOLISTA

Obxectivos: construción e programación de robot controlado por outra micro:bit usando radio.
Contidos:

▪ Montaxe do chasis con motores e micro:bit.
▪ Programación do control remoto (botóns A/B ou acelerómetro).
▪ Partidos individuais en campo reducido.

Conceptos traballados: comunicación por radio, eventos, control de movemento.

SESIÓN 2 : ROBOT DE SUMO

Obxectivos: reforzo estrutural e programación de estratexias para empurrar ao opoñente.
Contidos:

▪ Mellora de estabilidade e empuxe.
▪ Programación directa.
▪ Combates individuais por quendas.

Conceptos traballados: tracción, masa, detección de bordos ou obstáculos, lóxica de combate.

SESIÓN 3: CARREIRAS DE ROBOTS

Obxectivos: optimizar velocidade e dirección para percorrer un traxecto o máis rápido posible.
Contidos:

▪ Axuste de rodas e simetría.
▪ Programación de carreira recta ou en zigzag.
▪ Cronometrado individual ou carreiras en parellas.

Conceptos traballados: velocidade, sincronización, eficiencia enerxética, control de traxectoria.

SESIÓN 4: MISIÓN DE RESCATE (Actividade creativa)

Obxectivos: deseñar un robot que complete unha misión simulada de rescate nunha contorna definida.
Contidos:

▪ Decoración temática do robot (ambulancia, explorador etc.)
▪ Programación para alcanzar unha "zona de rescate" e transportar un obxecto.
▪ Presentación final do reto.

Conceptos traballados: planificación de traxectorias, deseño funcional, lóxica de execución, resolución de problemas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X