Axencia de Lectura de Baio. Concello de Zas. Tania Carreira Rial
"Penso que o labor da biblioteca vai moito máis alá da xestión dun fondo documental. Hoxe en día implica comunicación cultural, mediación lectora, deseño de actividades, creación de contidos dixitais, atención ao público e colaboración con outros axentes culturais. É unha profesión en constante transformación."
Proxecto: De Biblioteca a Biblioteca: pequeno percorrido polas bibliotecas da provincia da Coruña
Datos da Biblioteca
Concello: Concello de Zas
Lugar onde está situada: a Axencia de Lectura de Baio sitúase no centro sociocultural, un edificio compartido cunha aula de informática, o auditorio, outras aulas para a realización de diversas actividades, unha sala de exposicións e unha área que acolle a exposición permanente sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose.
Nome: Axencia de Lectura de Baio
Horario:
Do 15 de setembro ao 15 de xuño, de martes a venres de 15:30 a 20:30 h e sábados de 10:00 a 14:00 h
Do 15 de xuño ao 15 de setembro, de luns a venres de 10:00 a 14:00 h
Forma de contacto: teléfono 981 718 056; correo-e tania.carreira@concellodezas.gal
Web: Non ten web propia (https://concellodezas.gal/)
Catálogo: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/
Redes sociais: (non ten redes sociais propias)
Instagram: https://www.instagram.com/culturazas
Facebook: https://www.facebook.com/culturaeturismozas
Fondos principais:
A Axencia de Lectura de Baio conta cun fondo diverso que inclúe:
• Literatura para público adulto.
• Fondos de coñecemento e divulgación.
• Literatura infantil e xuvenil.
• Fondo local con publicacións editadas ou apoiadas polo concello, obras sobre o territorio e figuras relevantes da comarca, así como libros escritos por autoras e autores locais.
• Colección de revistas culturais Tempos Novos e Luzes.
• Biblioteca particular de Vidal Ríos, cedida pola súa familia, composta por obras antigas e de valor histórico.
Historia da biblioteca:
O Centro Sociocultural de Baio inaugurouse no ano 2011 e, desde entón, acolle dúas bibliotecas diferenciadas: infantil e adultos, ademais da aula de informática.
Ao longo destes anos, o fondo bibliográfico non deixou de medrar ata superar os 5.000 volumes e continúa ampliándose anualmente. A comunidade usuaria tamén aumentou progresivamente e actualmente supera as 250 persoas activas, unha cifra significativa tratándose dun concello pequeno, de menos de 4.500 habitantes e que ademais conta con outra biblioteca no núcleo de Zas, con comunidade usuaria e fondo propio.
No ano 2021 habilitouse un espazo para acoller a exposición permanente sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose. Consta de oito paneis informativos e tres mesas expositivas con primeiras edicións e distinta documentación.
No ano 2025 iniciouse unha nova etapa caracterizada pola apertura do centro a ciclos de exposicións de pintura e fotografía e pola creación dos clubs de lectura infantil e de persoas adultas.
Principais proxectos e servizos:
• Contacontos teatrais e actividades de animación á lectura
• Obradoiros infantís
• Ciclos literarios
• Clubs de lectura (infantil e persoas adultas)
• Presentacións de libros e encontros coas autoras e autores
• Servizos bibliotecarios de préstamo e consulta
• Aula de informática e wifi en todo o recinto
• Servizo de impresión e apoio técnico básico
• Actividades culturais do centro sociocultural como exposicións, pequenos obradoiros, actividades familiares, eventos culturais varios.
Volume documental e tipo de fondo que alberga:
A axencia de lectura conta cun fondo superior aos 5.000 exemplares entre novela, divulgación, literatura infantil e xuvenil, ademais de fondos especializados e o fondo local. O seu crecemento é constante grazas ás adquisicións mediante as subvencións para a mellora de colección e novidades editoriais, ás compras municipais e as doazóns.
Persoa encargada da Biblioteca
Nome e apelidos: Tania Carreira Rial
Forma de contacto: Teléfono 981 718 056, correo electrónico: tania.carreira@concellodezas.gal
Breve presentación: Son técnica de xestión cultural e responsable da Axencia de Lectura de Baio. O meu traballo combina a atención ao público coa dinamización cultural, a mediación, a organización de actividades que conectan lectura, territorio, comunidade e visitas guiadas ao patrimonio do concello, entre outras.
A túa formación, e experiencia profesional relacionada co mundo das bibliotecas ou arquivos: Conto con formación en xestión cultural ademais da relacionada con patrimonio cultural e turismo. Son a responsable da Axencia de Lectura de Baio desde o ano 2017, período no que fun consolidando a miña traxectoria dentro do campo das bibliotecas e da dinamización cultural.
Antes da miña incorporación á biblioteca, participei en proxectos de organización de actividades culturais, o que me proporcionou unha base para o traballo de programación e organización de eventos. A miña experiencia na biblioteca permitiume especializarme en animación á lectura en contornas rurais e na creación de programas culturais adaptados á veciñanza, desenvolvendo actividades que contribúen a facer da centro sociocultural e por extensión a biblioteca nun espazo vivo, dinámico e aberto á comunidade.
Como é o teu día a día na biblioteca: O meu día a día na biblioteca é unha combinación entre a atención directa ao público coa xestión e a planificación cultural. Ademais do servizo de préstamo, dedico boa parte do tempo a organizar actividades, actualizar o fondo, preparar programacións culturais e coordinarme cos centros educativos. Tamén a organización de visitas guiadas ao xacemento romano de Brandomil ou visitas medioambientais ao río de Baio. Cada xornada é diferente; pode incluír dende a catalogación, asesoramento lector, contacontos, unha presentación literaria ou a montaxe dunha exposición.
Que papel xoga a túa biblioteca na actualidade e na contorna que atende: A Axencia de Lectura de Baio atende ao único núcleo urbano do concello e os lugares limítrofes máis rurais. A axencia é moito máis ca un espazo de libros: é un punto de encontro cultural e social. Cumpre unha función esencial como lugar de aprendizaxe, de acceso á información e de creación de comunidade. Na contorna rural, o papel da biblioteca é tamén o de compensar desigualdades de acceso á cultura e á tecnoloxía, ofrecendo servizos próximos, personalizados e abertos a todas as idades.
O centro sociocultural onde está localizada a axencia de lectura atópase xusto ao carón do polideportivo e do ximnasio municipal. Esta localización favorece unha constante interacción de públicos, especialmente entre a rapazada que acode diariamente ás actividades deportivas. Moitas nenas e nenos así como mozas e mozos pasan pola entrada da biblioteca camiño do pavillón, o que fai que a vexan como un espazo familiar e presente na súa rutina. Esta proximidade contribúe a normalizar o contacto coa biblioteca desde idades temperás e facilita que, de maneira natural, se interesen polos libros, os espazos de lectura e polas actividades culturais que se desenvolven nela.
Que tarefas desenvolve unha ou un profesional bibliotecario hoxe en día: Penso que o labor da biblioteca vai moito máis alá da xestión dun fondo documental. Hoxe en día implica comunicación cultural, mediación lectora, deseño de actividades, creación de contidos dixitais, atención ao público e colaboración con outros axentes culturais. É unha profesión en constante transformación.
Como te mantés actualizada no teu ámbito profesional: Procuro manterme actualizada participando en programas de formación e xornadas organizadas pola Biblioteca Provincial da Coruña, seguindo blogs e boletíns profesionais. Tamén me apoio nas ferramentas dixitais para coñecer novas tendencias en fomento da lectura, xestión cultural e innovación tecnolóxica aplicada ás bibliotecas ou ao sector cultural en xeral.
Como dinamizas e difundes as actividades e servizos da biblioteca para chegar a máis xente: A comunicación é clave. Empregamos a páxina web e as redes sociais do concello e os medios de prensa comarcais para difundir todas as actividades, ademais de realizar difusión directa mediante a canle de whatsapp municipal. Buscamos que cada actividade sexa unha oportunidade para atraer un novo público e facer da biblioteca un espazo vivo. A programación literaria e cultural de Baio, con ciclos literarios como Follas de Outono, os contacontos ou os clubs de lectura infantil e de persoas adultas, é un exemplo dese esforzo continuo.
Cales son os principais impedimentos para que as bibliotecas sexan un referente na sociedade: Un dos principais retos é a falta de recursos humanos e económicos, que limita a actividade de moitas bibliotecas pequenas. Tamén inflúe a percepción tradicional que se ten da biblioteca como un espazo estático, onde hai que estar en silencio, cando en realidade é un lugar dinámico e participativo. É preciso reforzar a presenza da biblioteca no imaxinario social como un centro cultural dinámico.
Cales son os teus centros referentes ou profesionais ligados ás bibliotecas: Admiro o traballo de moitas bibliotecas municipais galegas que, con poucos medios, conseguen ser motores culturais das súas comunidades, como as de Carballo, Arteixo ou Betanzos. Tamén sigo o labor da Biblioteca Pública Ánxel Casal e das bibliotecas da Deputación da Coruña, que marcan camiños en innovación, accesibilidade e mediación lectora.
Como ves o futuro das bibliotecas, que papel terían que desenvolver cando o Chat GPT e a IA xa está no noso día a día: A chegada da intelixencia artificial supón un cambio de paradigma, está claro, pero tamén pode verse como unha boa oportunidade. As bibliotecas deben seguir sendo espazos de pensamento crítico, alfabetización en canto a información se refire e acompañamento fronte á sobreabundancia de datos aos que estamos expostos hoxe en día. O valor das bibliotecas non reside só no acceso á información ou no préstamo de libros, senón na capacidade de guiar, interpretar e conectar ás persoas co coñecemento. A tecnoloxía pode ser unha aliada, sempre que manteñamos a dimensión humana e comunitaria que define o noso labor.
A quen nos propós para que se sexa entrevistado: A María José Vilasánchez Fuciños, da Biblioteca Municipal de Ortigueira.
Outras cousas que queiras achegar? A Axencia de Lectura de Baio é un espazo aberto á colaboración e á creatividade. O seu punto forte está na proximidade e no contacto directo co público. Apóstase por unha programación que vincule lectura, territorio e memoria, facendo da biblioteca un motor de cohesión cultural e social.
