Estás en:Emprego

A Deputación licita a recuperación da área fluvial de Gabenlle, na Laracha

O proxecto, que sae a concurso por 50.000 euros, busca acondicionar a zona para convertela nun referente turístico para residentes e visitantes.

Estes traballos enmárcanse dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino "Os Fogóns do Anllóns", financiados con fondos europeos.

O prazo de presentación de ofertas remata o 22 de decembro.

A Deputación licita a recuperación da área fluvial de Gabenlle, na Laracha

A Deputación da Coruña licita o proxecto integral de recuperación ambiental e mellora do espazo público na área fluvial de Gabenlle, nun tramo do río Anllóns no concello da Laracha. O obxectivo é reforzar o seu valor natural e paisaxístico, así como darlle un impulso turístico. Trátase dunha intervención que permitirá ordenar os usos do espazo, favorecer a súa conservación e ofrecer a cidadanía e visitantes unha zona recreativa integrada no ecosistema fluvial.

O proxecto, que conta cun orzamento base de licitación de 50.000 euros e un prazo de execución de tres meses, enmárcase dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) "Os Fogóns do Anllóns". Nesta iniciativa, promovida pola Deputación e financiada con fondos europeos, tamén participan os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, e está orientada a transformar o río Anllóns nun referente de turismo sostible, de natureza e gastronómico.

A intervención prevista en Gabenlle céntrase na recuperación da praia fluvial e na mellora ambiental da contorna. O proxecto inclúe traballos de roza, limpeza e retirada de elementos deteriorados, así como a renovación de pavimentos mediante materiais respectuosos co medio. Prevese tamén a instalación de novo mobiliario, mesas de pícnic, merendeiros e sinalización divulgativa, xunto coa mellora dos accesos e a consolidación de áreas de descanso. Ademais, tamén se plantarán especies autóctonas e recuperarase o hábitat natural asociado ao corredor fluvial.

A Deputación destaca que esta actuación contribuirá á restauración ecolóxica do río Anllóns e á mellora da calidade de vida da veciñanza, ao tempo que reforza o atractivo turístico do espazo, que xa é moi empregado como zona de lecer. Deste xeito, o proxecto busca consolidar un modelo de uso sostible, no que protección ambiental, a educación científica e a posta en valor do patrimonio natural e cultural sexan piares fundamentais.

O prazo de presentación de ofertas para executar estes traballos remata o 22 de decembro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X