Lei 9/2025, do 3 de decembro, de mobilidade sostible (BOE 04/12/2025)
XEFATURA DO ESTADO
BOE 04/12/2025
Lei 9/2025, do 3 de decembro, de mobilidade sostible.
Disposición final segunda. Modificación do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
Introdúcense as seguintes modificacións no texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo:
Un. Engádese unha letra v) ao apartado 3 do artigo 20, coa seguinte redacción:
«v) Nas zonas de baixas emisións, a circulación de vehículos que superen os límites ou categorías máximas que se estableceron para circular por estas.»
Dous. Modifícase o apartado 1 do artigo 24, que queda redactada da seguinte maneira:
«1. O importe das taxas previstas pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local fixarase de acordo coas seguintes regras:
a) Con carácter xeral, tomando como referencia o valor que tería no mercado a utilidade derivada da devandita utilización ou aproveitamento, se os bens afectados non fosen de dominio público. A tal fin, as ordenanzas fiscais poderán sinalar en cada caso, atendendo á natureza específica da utilización privativa ou do aproveitamento especial de que se trate, os criterios e parámetros que permitan definir o valor de mercado da utilidade derivada.
Nos supostos de aproveitamento especial do dominio público local mediante a circulación en zonas de baixas emisións de vehículos que superen os límites ou categorías máximas de libre circulación, poderase utilizar como valor de referencia de mercado o custo que tivese que aboar ese vehículo se estacionase nun aparcamento público en lugar de circular pola zona cualificada de baixas emisións.
b) Cando se utilicen procedementos de licitación pública, o importe da taxa virá determinado polo valor económico da proposición sobre a que recaia a concesión, autorización ou adxudicación.
c) Cando se trate de taxas por utilización privativa ou aproveitamentos especiais constituídos no chan, subsolo ou voo das vías públicas municipais, a favor de empresas explotadoras de servizos de subministracións que resulten de interese xeral ou afecten á xeneralidade ou a unha parte importante da veciñanza, o importe daquelas consistirá, en todo o caso e sen excepción ningunha, no 1,5 por cento dos ingresos brutos procedentes da facturación que obteñan anualmente en cada termo municipal as referidas empresas.
Para estes efectos, incluiranse entre as empresas explotadoras dos devanditos servizos as empresas distribuidoras e comercializadoras destes.
Non se incluirán neste réxime especial de cuantificación da taxa os servizos de telefonía móbil.
Este réxime especial de cuantificación aplicaráselles ás empresas a que se refire este parágrafo c), tanto se son titulares das correspondentes redes a través das cales se efectúan as subministracións coma se, non sendo titulares das devanditas redes, o son de dereitos de uso, acceso ou interconexión a estas.
Para os efectos do disposto neste parágrafo, entenderanse por ingresos brutos procedentes da facturación aqueles que, sendo imputables a cada entidade, fosen obtidos por esta como contraprestación polos servizos prestados en cada termo municipal.
Non se incluirán entre os ingresos brutos, para estes efectos, os impostos indirectos que graven os servizos prestados nin as partidas ou cantidades cobradas por conta de terceiros que non constitúan un ingreso propio da entidade á que se aplique este réxime especial de cuantificación da taxa. Así mesmo, non se incluirán entre os ingresos brutos procedentes da facturación as cantidades percibidas por aqueles servizos de subministración que vaian ser utilizados naquelas instalacións que se achen rexistradas na sección 1.ª ou 2.ª do Rexistro administrativo de instalacións de produción de enerxía eléctrica dependente da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, como materia prima necesaria para a xeración de enerxía susceptible de tributación por este réxime especial.
As empresas que empreguen redes alleas para efectuar as subministracións deducirán dos seus ingresos brutos de facturación as cantidades satisfeitas a outras empresas en concepto de acceso ou interconexión ás súas redes. As empresas titulares de tales redes deberán computar as cantidades percibidas por tal concepto entre os seus ingresos brutos de facturación.
O importe derivado da aplicación deste réxime especial non lles poderá ser repercutido ás persoas usuarias dos servizos de subministración a que se refire este parágrafo c).
As taxas reguladas neste parágrafo c) son compatibles con outras taxas que poidan establecerse pola prestación de servizos ou a realización de actividades de competencia local, das que as empresas a que se refire este parágrafo c) deber ser suxeitos pasivos conforme ao establecido no artigo 23.1.b) desta lei, quedando excluída, polo pago desta taxa, a exacción doutras taxas derivadas da utilización privativa ou o aproveitamento especial constituído no chan, subsolo ou voo das vías públicas municipais.»
Tres. Modifícase a disposición adicional quinta, co fin de adaptala ao réxime de financiamento das entidades locais previsto nesta lei:
«Os Orzamentos Xerais do Estado de cada ano incluirán crédito destinado á achega ao Fondo Estatal de Contribución á Mobilidade Sostible (FECMO-FCPJ) previsto no artigo 56 da Lei 9/2025, de mobilidade sostible.
As subvencións ás entidades locais que teñan ao seu cargo o servizo urbano colectivo de transporte imputánselle ao dito Fondo nos termos recollidos na indicada Lei 9/2025 de mobilidade Sostible.»
