Regueira defende na Facultade de Turismo da UDC un modelo turístico que poña no centro o territorio, a identidade e a calidade
O vicepresidente da Deputación da Coruña insistiu na necesidade de evitar a masificación e reforzar un turismo baseado na autenticidade, a identidade e o equilibrio territorial
Reivindicou o papel do medio rural, da gastronomía e dos sectores produtivos como eixes dunha estratexia turística que xere emprego e benestar en Galiza
O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, defendeu na Facultade de Turismo da Universidade da Coruña a necesidade de avanzar cara a un modelo turístico sustentábel que xere benestar e equilibrio para o territorio. Nun encontro con estudantes, indicou que Galiza supera xa os sete millóns de visitantes anuais, polo que "cómpre facer os deberes" para evitar a masificación e garantir que o turismo beneficie as poboacións locais.
Regueira salientou que as políticas provinciais se orientan a fortalecer os sectores produtivos e a construír experiencias auténticas baseadas na identidade galega. Reivindicou o potencial do rural como espazo estratéxico e subliñou que Galiza segue ofrecendo "experiencias verdadeiras" grazas á vitalidade do sector primario. Defendeu que o turista do futuro procura "autenticidade, interacción e territorios que preserven os seus valores", polo que a sustentabilidade debe guiar todas as decisións.
A gastronomía, destacou, é hoxe o principal atractivo turístico da provincia e un exemplo de integración entre territorio, identidade e cadea de valor. Lembrou que a Deputación aposta polo produto local a través da súa campaña 'A paisaxe que sabe', que conecta produtores, cociñeiros e paisaxes e contribúe a reforzar o sector agroalimentario.
Tamén repasou os Plans de Sostibilidade Turística en Destino, desde o traballo nas Fragas do Eume até o impulso ao xeoturismo en Cabo Ortegal. Referiuse á Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle como eixo de dinamización rural, ao proxecto Os Fogóns do Anllóns, que vincula natureza e gastronomía, e ás actuacións no centro histórico de Ferrol e na Costa Ártabra, orientadas á recuperación patrimonial.
Regueira concluíu reclamando unha mellora estrutural da conectividade, tanto aérea como interior, por considerala unha das principais demandas do sector e unha condición imprescindíbel para consolidar destinos sustentábeis e competitivos.
