Estás en:Emprego

A Deputación inaugura en Miño e Carral os murais do Camiño Inglés que completan a II edición de "Arte no Camiño"

As obras de Raquel Germade en Miño e Isa Bermúdez en Carral pechan unha iniciativa que busca poñer en valor as rutas xacobeas converténdoas en espazos de creación artística.

Estes murais súmanse aos inaugurados a semana pasada nos concellos de Negreira, Cee e Corcubión, no itinerario do Camiño Fisterra-Muxía.

A Deputación inaugura en Miño e Carral os murais do Camiño Inglés que completan a II edición de

A Deputación da Coruña inaugurou hoxe en Miño e Carral os novos murais do Camiño Inglés dentro da segunda edición de 'Arte no Camiño', completando así as intervencións estreadas a semana pasada en Negreira, Cee e Corcubión. O proxecto, impulsado pola institución provincial en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, continúa a consolidarse como unha aposta estratéxica pola arte urbana e pola valorización cultural das rutas xacobeas.

Durante o acto, o deputado provincial Antonio Leira destacou que 'Arte no Camiño' "transforma as rutas xacobeas en espazos de creación, onde cada mural dialoga co territorio e enriquece a experiencia de quen percorre o Camiño", e reafirmou o compromiso da Deputación co apoio a iniciativas que lle dean visibilidade ao talento artístico da provincia.

En Miño, Raquel Germade presentou unha obra que convida á introspección sobre o acto de camiñar, evocando o que queda diante e detrás da paisaxe e a relación entre o peregrino e o territorio que atravesa. Trátase dunha imaxe contemplativa que busca facer máis consciente á persoa transeúnte do traxecto que está a percorrer.

Pola súa banda, en Carral, Isa Bermúdez inspirouse nas antigas lendas sobre fontes con propiedades curativas e na tradición que conta como moitos e moitas peregrinas medievais recuperaban a saúde ao chegar a Galicia. A artista representa unha peregrina envolta nunha aura máxica, acompañada de paxaros e avanzando na noite na procura desa fonte simbólica de vida e curación que, segundo a memoria popular, existía nas terras carralesas.

Estes dous novos murais complétanse cos inaugurados a semana pasada nas vilas de Negreira, Cee e Corcubión, configurando un percorrido artístico que une creación contemporánea, identidade local e experiencia xacobea. Con esta nova edición, 'Arte no Camiño' reafírmase como un dos proxectos culturais máis singulares vinculados ás rutas xacobeas na provincia da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X