O noveno Ecorallye A Coruña celebrarase do 18 ao 21 de setembro con medio cento de equipos participantes
A proba é un dos grandes eventos deportivos que contan co apoio da Deputación da Coruña

O Ecorallye A Coruña chega á súa novena edición formando parte da Bridgestone FIA EcoRally Cup, competición organizada pola FIA e que se encadra no campionato do mundo da especialidade. O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, xunto aos concelleiros de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e Deportes, Manuel Vázquez, presentaron esta mañá a proba, que se desenvolverá do xoves 18 ao domingo 21 e terá como punto de partida a praza de María Pita, onde se situará o parque móbil.
Os participantes iniciarán a competición este xoves 18, coa saída protocolaria de vehículos da praza de María Pita ás 20.30 horas. O responsable da área de Deportes da Deputación, Antonio Leira, destacou a "aposta conxunta" de institucións públicas e empresas privadas para impulsar de novo unha proba "que cumpre nove anos de crecemento" e que se ten convertido nun dos grandes eventos deportivos de referencia na provincia "nun escenario espectacular".
"Desde o Goberno de Inés Rey buscamos que a cidade acolla grandes competicións deportivas e tamén aquelas que teñen un carácter ou características que a fan única, como é o caso. Este ecorallye supón a unión da competición deportiva e automobilística co respecto do medio ambiente", indicou o concelleiro coruñés Gonzalo Castro durante a rolda de prensa, á que tamén asistiron Roberto García, xefe provincial do servizo de deportes da Xunta, Joaquín Verdegay, vicepresidente da Real Federación Española de Automovilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo, Juan Manuel Rodríguez, alcalde de Cerceda, Benjamín Muñoz, delegado territorial do noroeste de Multienergía de Repsol, e Alejandro Torres, membro da organización do Ecorallye, entre outros.
Os vehículos iniciarán o venres 19 a primeira das etapas, que os levará por un percorrido por 38 dos concellos da provincia coruñesa, récord da proba organizada pola Escudería La Coruña. Participarán un total de 50 equipos, formados por un piloto e un copiloto, o que supón un cento de participantes, dos cales un 40% serán deportistas galegos/as.
A segunda xornada de competición será o sábado 20 e está previsto que o rallye finalice ao fío das 21.00 horas. Xa o domingo 21, ás 12.00 horas, celebrarase na praza de María Pita a cerimonia de entrega de trofeos.
Esta proba é puntuable para a Bridgestone Eco Rally Cup, o Campeonato de España de Energías Alternativas (CEEA RACE) e da Iberian Eco Rally Challenge, competición que se disputa na península ibérica, e que inclúe probas tanto en España como en Portugal.
Os ecorallyes son competicións automobilísticas nas que participan vehículos eléctricos, híbridos e híbridos enchufables e nas que se valora a eficiencia na condución e a regularidade. O obxectivo último desta competición é promover vehículos fabricados con novas tecnoloxías, deseñados para aforrar enerxía e emitir a menor cantidade posible de CO2 e outras substancias contaminantes. Estas competicións tamén pretenden incentivar os hábitos ao volante e impulsar a condución eficiente e a mobilidade sostible dando prioridade ao emprego da electricidade como fórmula para propulsar os vehículos.