Estás en:Emprego

Novidades lexislativas en permisos de conciliación

Novidades lexislativas en permisos de conciliación

O Real Decreto-Lei 9/2025, do 29 de xullo, publicado no BOE o 30 de xullo de 2025, introduce importantes novidades nos permisos de maternidade, paternidade e coidado de menores. Aquí tes un resumo do seu contido:

Principais novidades
- Permiso por nacemento e coidado do menor
Duración: amplíase de 16 a 17 semanas por proxenitor.
Retribución: 100% do salario.
Entrada en vigor: Inmediata, para nacementos a partir do 31 de xullo de 2025.
Condición: A semana adicional debe gozarse antes de que o menor cumpra 12 meses.

- Permiso parental retribuído
Duración: 2 semanas retribuídas ao 100%, dentro do permiso parental de 8 semanas.
Retroactividade: Aplicable a nacementos desde o 2 de agosto de 2024.
Condición: Pode gozarse ata que o/a menor cumpra 8 anos.

- Permiso para familias monoparentais
Duración: 32 semanas en total.
Distribución: 4 desas semanas poden gozarse ata que o menor cumpra 8 anos.
Xustificación: Recoñécese que unha soa persoa asume ambos os dous roles parentais.

Cambios lexislativos que implica. Este decreto modifica:
O Estatuto dos Traballadores.
O Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP).
A Lei Xeral da seguridade social (LGSS).
Estas medidas completan a transposición da Directiva (UE) 2019/1158, relativa á conciliación da vida familiar e profesional.

Neste documento achégase un cadro coas modificacións no ET e no TREBEP máis detalladas e comentadas. As modificacións no TREBEP aparecen no documento a partir da páxina 8.

ACLARACIÓNS NORMATIVA DE CONCILIACIÓN

Como temos coñecemento que algunhas persoas están a facer interpretacións erróneas en relación ás novidades sobre a normativa de conciliación , queremos facer as seguintes aclaracións:

- Que o RDL 9/2025 amplía de 16 a 19 as semanas o permiso por nacemento, adopción ou acollemento.

- Que das 3 novas semanas en que se amplía, 2 delas correspóndense coas semanas retribuídas de permiso parental que se incorporan por transposición da Directiva UE 2019/1158 (Disposición final segunda), e que por iso se establece que estás 2 semanas non teñen que gozarse nos primeiros 12 meses, se non que se poden gozar ata que a filla ou o fillo cumpra 8 anos.

- Que tal como reflectíase no comunicado, o dereito ao goce destas 2 semanas só orixínase por feitos causantes (nacemento, adopción ou acollemento) acaecidos a partir do 2 de agosto de 2024, e ademais o seu goce poderá solicitarse a partir do 1 de xaneiro de 2026 (Disposición transitoria única).

- Que para a outra semana que se engade para o seu goce xunto ás 16 anteriores, durante os 12 meses a partir do feito causante (6 delas ininterrompidas inmediatamente posteriores ao mesmo), o dereito ao seu goce xérase para feitos causantes acaecidos a partir da entrada en vigor do RDL, o 31 de xullo de 2025.

- Que, dado que para as persoas empregadas públicas para as que é de aplicación a LEPG, está ampliado o permiso por parto para a nai biolóxica a 22 semanas segundo o establecido no seu artigo 121, haberá que esperar a ver se a Xunta fai algunha modificación e en que liña, pero mentres non a faga, os únicos cambios que se dan para as nais biolóxicas entendemos que son:

1) Aumenta o número de semanas de permiso que lle paga a SS en lugar da súa administración.

2) Para feitos causantes a partir do 2 de agosto do 2024, dúas das semanas que lle paga a SS poderaas gozar ata que a filla ou o fillo cumpra 8 anos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X