O RallyShow Deputación da Coruña converterá o circuíto das Pontes na capital do automobilismo galego este sábado 30 de agosto
O gran evento do motor en Galicia, organizado pola institución provincial, reunirá a algúns dos mellores pilotos de rally
Valentín González Formoso destacou hoxe na presentación da proba que a Deputación aspira a consolidar a proba como unha cita de referencia no calendario do motor do norte de España
Gradas, foodtruks, animación, sorteos de camisetas e codrives cos pilotos da proba ou viaxes en globo complementan a oferta do evento

O circuíto municipal das Pontes acolleu hoxe a presentación oficial do primeiro RallyShow Deputación da Coruña, un novo formato de competición automobilística que reunirá este sábado 30 de agosto a pilotos destacados do panorama galego e estatal. O evento, con entrada gratuíta, combinará carreiras, exhibicións e actividades para todos os públicos, convertendo a As Pontes na capital do motor en Galicia durante unha fin de semana.
Na presentación participaron o presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, a concelleira de Deportes, Elena López, o organizador da proba, José Murado e representantes das escuderáis locais Motorsport e ACAP.
Formoso destacou que "este RallyShow supón un paso adiante no compromiso da Deputación co automobilismo galego, unha disciplina moi querida nesta provincia, con milleiros de afeccionados. É a primeira vez que organizamos directamente unha proba destas características, en formato circuíto, e creo que vai marcar un antes e un despois. Este ano botamos a andar, pero queremos reforzalo e potencialo nos vindeiros anos ata convertelo nunha cita fixa no calendario do motor do norte de España".
Pola súa banda, José Murado, organizador da proba, subliñou que "este sábado teremos unha cita espectacular nas Pontes e queremos agradecer as facilidades que nos deron tanto a Deputación como o Concello das Pontes. A lista de inscritos fala por si soa: campións como Sergio Vallejo ou Víctor Senra, pilotos de referencia como Jorge Pérez ou Diego Varela, e espectáculos garantidos co drift de Sito González ou as mangas de carcross. Quixemos vestir o evento con todas as modalidades posibles para ofrecer unha fin de semana única".
O RallyShow conta cun formato trepidante e visual que permitirá ao público vivir a emoción dos rallys a pé de pista. A competición estrutúrase en eliminatorias directas a tres voltas, con carreiras corpo a corpo que irán desde os oitavos de final ata a gran final, programada para as 17:00 horas. Entre cada manga, o espectáculo estará asegurado con exhibicións de drift a cargo de Sito González e os seus BMW, a posta en escena dos Mini Cooper "Italian Job" de Juanma Fligueiras e Pablo Álvarez, e probas de carcross que amosarán outra das modalidades máis espectaculares do motor.
Actividades complementarias para toda a familia
O público gozará dun circuíto con comodidades como gradas, ampla zona de aparcamento no exterior e foodtrucks, cun aforo previsto para máis de 2.000 persoas. Ademais, o evento ofrecerá actividades complementarias para toda a familia: música, animación, sorteos de camisetas oficiais, viaxes no globo cautivo da Deputación da Coruña que permitirán ver a paisaxe desde o aire e a posibilidade de participar en codrives, auténticas voltas de copiloto con pilotos de primeiro nivel como Dani Berdomás ou Raúl Hernández, para sentir en primeira persoa preto a adrenalina dun rally.
PROGRAMA DA XORNADA:
09:00 – Apertura de portas equipos
11:00 – Apertura de portas público
11:30 – Briefing e foto oficial
12:00 – Manga de adestramentos libres
13:00 – Manga de adestramentos oficiais
14:00 – Oitavos de final
15:00 – Cuartos de final
16:00 – Semifinais
17:00 – Gran final
17:30 – Entrega de premios
18:00 – Manga final de exhibición e entrega de premios
LISTA DE PARTICIPANTES:
Diego Fontán (Alpine A110 GT)
Antón Pérez (Skoda Fabia WRC)
Javier R. Grille (Ford Sierra RS Cosworth)
Daniel Berdomás (Hyundai i20 N Rally2)
Raúl Hernández (Skoda Fabia RS Rally2)
Diego Varela (Hyundai i20 Rally2)
Jorge Pérez (Porsche 991 GT3)
Manuel Senra (Peugeot 306 Maxi)
Víctor Senra (Hyundai i20 WRC)
Sergio Vallejo (Porsche 911 GT3)
Francisco Javier Álvarez (Carcross)
Sito González (BMW Drift)
Juanma Fligueiras e Pablo Álvarez (Mini Cooper "Italian Job")