Estás en:Emprego

Regueira visita en Santiso o embalse de Portomouros para avanzar no proxecto de turismo activo da contorna

O vicepresidente reuniuse co alcalde do municipio, Manuel Adán, e co concelleiro de turismo e deportes, Alejandro Peón, para coñecer a iniciativa

Regueira visita en Santiso o embalse de Portomouros para avanzar no proxecto de turismo activo da contorna

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou o municipio de Santiso para coñecer de primeira man o proxecto de turismo activo da contorna do embalse de Portomouros. O alcalde, Manuel Adán, e o concelleiro de turismo e deportes, Alejandro Peón, foron os encargados de explicarlle os detalles da proposta do concello, que xa conta cunha parcela e unha edificación en propiedade nas inmediacións do embalse.

O vicepresidente trasladoulles o compromiso da Deputación de apoiar este proxecto que implica aos concellos de Arzúa, Melide, Toques e Santiso. Un proxecto que inclúe diferentes actividades náuticas na contorna do embalse para a súa posta en valor. Deste xeito, Regueira anunciou o traslado dun dos barcos eléctricos dos que dispón a Deputación a este espazo natural para contribuír á súa dinamización.

Pola súa banda, dende o concello achegaron un proxecto de pantalán con zona de carga eléctrica onde instalar o barco. Os próximos pasos pasan por solicitar unha reunión con Naturgy, empresa propietaria dos terreos, cos catro concellos implicados e a Deputación para trasladarlle as actividades de ocio que se prevén desenvolver no embalse.

"Estamos ante unha xoia descoñecida cun gran potencial en canto á dinamización turística e deportiva, que promoverá un impacto moi positivo en toda a comarca" sinalou Regueira. "Fronte a políticas que poñen en risco o territorio, dende a Deputación apostamos por un modelo de turismo sustentable que pon en valor os nosos recursos naturais dun xeito responsable, e buscando sempre o beneficio para a poboación local e, por suposto, para o medio".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X