Estás en:Emprego

O Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña mobiliza efectivos para apoiar na loita contra os incendios de Quiroga, en Lugo

Os muncipios de Quiroga e A Pobra de Brollón, en nivel 2 pola proximidade do lume a núcleos de poboación

Dúas dotacións de bombeiros da provincia da Coruña traballan nas tarefas de extinción

O Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña mobiliza efectivos para apoiar na loita contra os incendios de Quiroga, en Lugo

O Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña enviou na tarde de onte dúas dotacións para colaborar nas tarefas de extinción do incendio forestal que afecta ao municipio lucense de Quiroga, onde permanece activado o nivel 2 do Plan de Emerxencias.

O operativo desprazado está composto por dous vehículos BNP, con capacidade para 8.000 litros de auga cada un, dous vehículos de mando e un total de 8 bombeiros. Estes profesionais traballaron durante toda a noite en condicións extremas, contribuíndo á contención dun dos maiores incendios rexistrados nos últimos anos en Galicia. Esta mañá serán substituídos por outro equipo de 8 bombeiros, garantindo así a continuidade dos traballos sobre o terreo.

O incendio, que se iniciou en Larouco (Ourense), estendeuse ata Quiroga, arrasando miles de hectáreas de superficie forestal. O vento e as altas temperaturas provocaron que o lume baixara polas ladeiras do monte, alcanzando zonas cercanas ás vivendas. Os equipos de extinción traballaron toda a noite nunha zona na que aínda a primeiras horas desta mañá permanece declarado o nivel 2 de alerta.

O presidente da Deputación da Coruña e do Consorcio Provincial de Bombeiros, Valentín González Formoso, agradeceu o traballo dos efectivos desprazados "para apoiar aos compañeiros doutras provincias e contribuír a protexer o territorio e as persoas afectadas polos incendios"

Formoso sinalou tamén que "este tipo de despregamentos reafirman a necesidade dun sistema público de emerxencias ben dotado, coordinado e preparado para actuar en escenarios complexos coma este".

A Deputación da Coruña, a través do Consorcio Provincial de Bombeiros, mantén a súa disposición a colaborar cos dispositivos de emerxencia activados pola Xunta de Galicia, sumando medios técnicos e humanos para facer fronte á vaga de incendios que afecta a Galicia nas últimas semanas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X