O Firrete de Pontedeume, gañador por clubs da 58ª Baixada do Eume
O alcalde de Pontedeume e o deputado de Deportes participaron na entrega de trofeos

O alcalde de Pontedeume e portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, e o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participaron na entrega de premios da 58ª edición da Baixada do Eume, unha das citas históricas do piragüismo galego, que este ano tivo como gañador por equipos ao Club Náutico Firrete.
O acto celebrouse no parque da Alameda de Pontedeume, nun ambiente festivo que puxo o broche final a unha xornada de deporte e natureza no río Eume, coa participación de palistas de distintas categorías procedentes de toda Galicia.
Durante a entrega de trofeos, Antonio Leira destacou "o compromiso da Deputación co deporte de base e co apoio ás competicións que, como esta Baixada do Eume, contribúen a dinamizar os nosos concellos, promover o deporte e poñer en valor espazos naturais singulares como o Eume".
Bernardo Fernández, pola súa parte, felicitou ao Club Firrete polo título acadado e agradeceu a participación de todos os clubs e deportistas, así como o labor das persoas voluntarias e organizadoras que fan posible, ano tras ano, esta proba emblemática no calendario deportivo galego.