A Deputación da Coruña impulsa o III Circuíto de Atletismo en Pista para promover o deporte base na provincia
Desenvolverase en tres xornadas e poderán participar atletas de ata 14 anos de toda a provincia da Coruña
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destaca a elevada participación das edicións anteriores, con máis de 500 atletas inscritos

A Deputación da Coruña vén de aprobar as bases reguladoras, a convocatoria e o orzamento do III Circuíto de Atletismo en Pista, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar o deporte federado nas categorías base, promover a práctica do atletismo nos concellos da provincia e contribuír á dinamización social a través da actividade física.
O circuíto desenvolverase en tres xornadas competitivas, que terán lugar en pistas homologadas da provincia e incluirán probas nas modalidades de velocidade, fondo, salto de altura, salto de lonxitude e lanzamento de peso. Poderán participar atletas das categorías sub-10, sub-12 e sub-14 que estean empadroados nalgún concello da provincia da Coruña e conten con licenza federativa en vigor, sempre que non estean sancionados.
A inscrición será gratuíta e realizarase a través da plataforma dixital da Federación Galega de Atletismo mediante correo electrónico dirixido a competicion@atletismo.gal.
A organización técnica e loxística do circuíto será asumida tamén pola Federación Galega de Atletismo, que se encargará da cobertura de seguros, a dotación de xuíces e árbitros, e o equipamento deportivo necesario.
Establécese un sistema de puntuación baseado na táboa oficial da World Athletics. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría e modalidade, así como para os tres mellores clubs da clasificación xeral do circuíto. En caso de empate, este resolverase atendendo á mellor actuación no día en que se conseguiu a marca. Os participantes non poderán repetir modalidade en diferentes xornadas e será obrigatorio levar o dorsal visible durante a competición.
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, destacou que "o apoio ao deporte de base é un dos piares fundamentais da nosa acción de goberno e un instrumento clave para construír unha sociedade máis activa, igualitaria e saudable". Leira salientou tamén "o éxito de participación acadado nas dúas edicións anteriores do circuíto, con máis de 500 atletas participantes, que confirman que existe unha gran demanda por parte dos atletas e dos clubs de atletismo da provincia por este tipo de iniciativas que promoven o deporte entre os máis novos".