Estás en:Emprego

A Deputación presenta as XX Xornadas ‘A Cultura é un dereito’, centradas na relación entre arte, creación e territorio

O Pazo provincial acolleu esta mañá a presentación, na que participou a deputada de cultura, Natividade González e a comisaria das xornadas, Sara Fraga

O programa desenvolverase o 28 de agosto na Fundación PazosCuchillo (Trasanquelos, Oza-Cesuras) e contará con diferentes presentacións, mesas redondas e relatorios, entre outras actividades

A inscrición pode realizarse a través do formulario habilitado na páxina web https://aculturaeundereito.gal

A Deputación presenta as XX Xornadas ‘A Cultura é un dereito’, centradas na relación entre arte, creación e territorio

O Pazo provincial acolleu esta mañá a presentación da vixésima edición das Xornadas 'A Cultura é un dereito', na que participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e a comisaria das xornadas, Sara Fraga. O programa desenvolverase o vindeiro 28 de agosto na Fundación PazosCuchillo, en Trasanquelos (Oza-Cesuras), coa colaboración da propia Fundación, e contará con diferentes presentacións, mesas redondas e relatorios, entre outras actividades. Para participar, é preciso inscribirse no formulario habilitado na páxina web https://aculturaeundereito.gal.

Esta edición ten como eixo a relación entre arte, creación e territorio, cunha programación que pon o foco na comarca das Mariñas como exemplo de dinamismo cultural. A Deputación busca con esta iniciativa consolidar un espazo de encontro entre profesionais da cultura, creadoras e creadores, institucións e público interesado, ao tempo que promove a visibilidade das prácticas culturais que se desenvolven no ámbito local e comarcal.

As xornadas pretenden favorecer o intercambio de experiencias, estimular a colaboración entre proxectos e dar a coñecer os espazos e iniciativas que fan posible a actividade artística no territorio. O obxectivo é, así mesmo, abrir un diálogo sobre o papel que teñen os axentes culturais e as creadoras e creadores na construción dunha identidade cultural compartida, diversa e aberta ao futuro.

A deputada de cultura, Natividade González, sinalou a importancia de poñer en valor a cultura "como motor de transformación social, sinónimo de territorio, cohesión, innovación e identidade". Neste sentido, apuntou que "estas xornadas redundarán na convicción desta institución de que a cultura é un dereito para toda a cidadanía, abordando exemplos reais de iniciativas desta provincia que están facendo un traballo que, ademais, crea comunidade, xera empregos e dinamiza os territorios".

A comisaria das xornadas, Sara Fraga, mediadora cultural, sinalou que estas xornadas servirán para "coñecernos, poñernos cara, tecer redes e compartir aspiracións. Tampouco faltarán as reflexións sobre o mundo artístico onte e hoxe, se existe un renacer cultural en Galicia na actualidade ou os mecanismos máis viables para vivir da arte hoxe en día". "Tamén nos preguntaremos que ten de máxica a Comarca das Mariñas de Betanzos para que non un, nin dous nin tres artistas que veñen aprender ao CIEC decidan instalarse aquí. Entre as creadoras que asinan as súas obras dende as Mariñas temos músicas, escritoras, ilustradoras, ceramistas, xoieiras ou paisaxistas e entre os grupos de música que cadran na gasolineira de Montellos para ir aos seus concertos están orquestras coma o Combo Dominicano ou a Olympus ou grupos do panorama galego coma Baiuca, Aliboria ou Pansenfron. Estamos ben situadas" engadiu.

Programa

O programa abrirase ás 9:45 horas coa acreditación das persoas participantes e a benvida institucional a cargo de representantes da Fundación PazosCuchillo, do Concello de Oza-Cesuras, da Deputación da Coruña e da propia comisaria. Ás 10:00 terá lugar a presentación e visita guiada á exposición da Fundación, seguida dun relatorio sobre a realidade socioeconómica da comarca das Mariñas. Tras unha pausa café, celebrarase un coloquio centrado nos espazos de creación que impulsan a actividade cultural, coa participación da Fundación CIEC, a Libraría Biblos-Biblos Clube, o laboratorio creativo Espazo Vaina da asociación CRÚA, o Mosteiro de Bergondo e o Espazo BAM de Betanzos.

Pola tarde, o coloquio xirará arredor das persoas que fan cultura no territorio, con intervencións de diferentes creadoras e creadores como Carlos Pazos, Pedro Lamas, Antía Yáñez, Correa Corredoira, Iria Fafián, Isabel Durá, Sabela Caamaño e SaraSal. A xornada continuará coa crónica do día a cargo do escritor e xornalista Xesús Fraga, seguida das conclusións da comisaria Sara Fraga, e rematará cun concerto dos grupos Altalaplana e Furallefalle. Como actividade complementaria, organizarase unha visita guiada á Fundación PazosCuchillo, con prazas limitadas segundo orde de inscrición.

A asistencia ás xornadas é gratuíta e a capacidade limitada, polo que resulta necesario inscribirse a través da web https://aculturaeundereito.gal.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X