O Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña reforza o operativo despregado en Ourense, que pasa de 12 a 16 bombeiros

A Deputación da Coruña reforza o operativo do Consorcio Provincial Contraincendios despregado en Ourense ante a gravidade da vaga de incendios forestais que afecta a esta provincia e que mantén aínda sete lumes activos e máis de 67.000 hectáreas queimadas.
O dispositivo, que leva operativo desde o pasado martes, pasa desde hoxe de 12 a 16 bombeiros, distribuídos en dúas dotacións de 8 profesionais cada unha. Esta ampliación permitirá aumentar a capacidade de resposta e a cobertura das zonas afectadas, mantendo a operatividade durante as 24 horas e reforzando o traballo en quendas rotatorias.
As dotacións continúan equipadas con dous camións nodrizas e dous vehículos de mando, garantindo unha intervención rápida e eficaz, especialmente nos focos máis perigosos e próximos a núcleos de poboación.
O presidente da Deputación e do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que este reforzo responde á necesidade de "adaptar os medios humanos á magnitude da emerxencia e apoiar aínda máis aos equipos locais, que están a afrontar unha situación moi complicada".
Formoso agradeceu novamente o compromiso dos bombeiros da provincia da Coruña, que están a traballar "con absoluta profesionalidade e entrega, nun esforzo conxunto que salva vidas, protexe vivendas e frea o avance do lume".
O operativo segue plenamente coordinado coa Xunta de Galicia e os demais corpos de emerxencia (axentes forestais, protección civil e voluntariado), coa intención de manter a máxima eficacia tanto na extinción coma na vixilancia e prevención de novos focos.
A Deputación da Coruña manterá este dispositivo reforzado todo o tempo que sexa necesario, en contacto constante coas autoridades autonómicas e estatais