Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña acompaña a Bico de Xeado na celebración do seu décimo aniversario na Coruña

A Deputación da Coruña acompaña a Bico de Xeado na celebración do seu décimo aniversario na Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe á celebración do décimo aniversario de Bico de Xeado, que tivo lugar na súa tenda emblemática da rúa La Marina, moi preto da sede da institución provincial, o mesmo local no que a empresa abriu as súas portas no ano 2015. O acto, que reuniu clientes, provedores, amigos e representantes institucionais coma o alcalde de Paderne, Sergio Platas, serviu para presentar un produto moi especial: un xeado artesán de cervexa Estrella Galicia sen gluten, elaborado en edición limitada e presentado no orixinal formato cerámico "Biquiños".

Formoso felicitou á empresa polos seus dez anos de traxectoria e puxo en valor "o exemplo de emprendemento e innovación que representa Bico de Xeado, capaz de crecer e expandirse sen perder a súa esencia nin a súa aposta polo produto local". O presidente subliñou que "o éxito desta marca é tamén o éxito da nosa provincia, porque demostra que dende o rural e coas materias primas galegas pódense facer produtos de excelencia que triunfan dentro e fóra de Galicia".

Bico de Xeado, que iniciou a súa andaina cun único establecemento na cidade herculina, conta na actualidade con máis de 50 puntos de venda en toda España. A súa filosofía baséase na elaboración de xeados artesáns con leite A2A2 das súas propias granxas, sen aditivos artificiais e con ingredientes de primeira calidade. Valores como a sustentabilidade, a innovación, o compromiso co territorio e o apoio ao sector primario forman parte da identidade da empresa e coinciden cos que defende Estrella Galicia, a súa socia nesta colaboración.

O novo xeado de cervexa estará dispoñible por tempo limitado e supón unha fusión de dous produtos galegos icónicos. A presentación completouse cunha xornada festiva que incluíu música en directo, degustacións e actividades para todos os públicos.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X