Estás en:Emprego

A Deputación colabora con ‘Vimianzo M.O.L.A: un castelo de lenda’, un proxecto que encherá a vila de arte, literatura e teatro

A iniciativa presentouse esta tarde no Castelo de Vimianzo, nun acto que contou coa participación do deputado de patrimonio, Xosé Penas; a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o delegado do goberno, Pedro Blanco.

As actividades desenvolveranse entre o 27 de agosto e o 11 de setembro, con propostas para todos os públicos e unha combinación de creación artística, música, literatura e teatro

A programación inclúe a primeira Feira do Libro na contorna, na que participarán recoñecidos autores como Ledicia Costas ou Manuel Rivas

As persoas que desexen participar na elaboración dos murais colaborativos e nos clubs de lectura deberán inscribirse de maneira previa a través das ligazóns habilitadas

A Deputación colabora con ‘Vimianzo M.O.L.A: un castelo de lenda’, un proxecto que encherá a vila de arte, literatura e teatro

O Castelo de Vimianzo acolleu esta tarde a presentación do programa 'Vimianzo M.O.L.A', un proxecto cultural innovador que, baixo o lema 'Un castelo de lenda', converterá a vila no epicentro cultural da Costa da Morte do 27 de agosto ao 11 de setembro e que conta co apoio da Deputación. No acto participaron o deputado de patrimonio, Xosé Penas; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o delegado do goberno, Pedro Blanco.

"Sempre é un pracer poder inaugurar festivais que falan de cultura e patrimonio pensando no retorno para a poboación residente" sinalou Penas. "Serán duas semanas de intensa actividade cultural, onde ides falar de murais, oralidade, literatura e artes en xeral, sempre dende o punto de vista da promoción do noso, do patrimonio que temos a obriga como administración de preservar e promocionar, somo sempre se fixo en estreita colaboración concello e Deputación deste castelo".

Penas sinalou que "festivais como este enchen este país de cultura e de patrimonio. Porque como eu sempre digo, patrimonio é practicamente todo cantos nos rodea, dende este castelo, dende a xente que nos transmite os seus coñecementos para evitar perder ese patrimonio inmaterial tan importante". O deputado engadiu que "Vimianzo Mola vainos falar de moitas cousas, imos poder desfutar e aprender, totalmente compatibles, dende un punto de vista transversal en canto ao público ao que se dirixe, en canto as actividades que podedes ver na sua programación, vaise falar de lingua, de moitas linguas, pero sen esquecer que somos e onde estamos, e tamén de Castelao". Por iso, dende a Deputación, "non podemos máis que colaborar, parabenizar e animar a que este ano sexa o primeiro ano de moitos máis, que se acabe convertendo nunha referencia cultural da comarca, esta comarca dinámica e máis viva ca nunca".

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que se trata dun proxecto "do que podemos estar profundamente orgullosos, xa que une distintas disciplinas artísticas cun obxectivo claro: chegar a todas as persoas, sen importar a súa idade, e facer da cultura un nexo de unión". A rexedora subliñou o papel fundamental das administracións colaboradoras: "este proxecto non sería posible sen o apoio da Deputación da Coruña, que permite que o Castelo sexa sede desta iniciativa e que fai unha achega importante, e o Ministerio de Cultura, sen a súa axuda para a Promoción da lectura e as letras isto non sería posible". Rodríguez asegurou tamén que "a cultura ensínanos a mirar o mundo doutro xeito, a escoitar, comprender, soñar... é o mellor investimento que unha sociedade pode facer" e convidou "a todos e todas a vivir estas xornadas, a participar, a deixarvos sorprender e a apostar pola cultura como a mellor maneira de entender a vida".

A programación ao completo
As actividades desenvolveranse entre o 27 de agosto e o 11 de setembro, con propostas para todos os públicos e unha combinación de creación artística, música, literatura e teatro. O arranque será o mércores 27 de agosto cun gran mural XXL sobre Manuel Rivas a cargo de Primo Rodríguez, acompañado dun mural colaborativo antipolución inspirado en Castelao, dirixido por Rakele Cavallo, que incluirá talleres e sesións de retoque ao longo do día.

O xoves, día 28, celebrarase o Mural Fest, con outra obra colaborativa sobre Evaristo Martelo, realizada por Doc Toy, con participación cidadá en talleres e retoques. O venres, día 29, a música tomará o protagonismo co concerto de Tiam Gz.+Turntablism ás 21:00 horas. O sábado, día 30, chegará o 'Urban Fest', unha xornada urbana de 12:00 a 20:00 horas con talleres de tatuaxe, skate, rap, breakdance, pintura e parkour.

Xa en setembro, o mércores día 3, Doc Toy realizará un novo mural XXL no Campo da Feira da Piroga, en Bamiro. O día 4, ás 20:00 horas, será a actuación de Paco Nogueiras na praza do Concello. O venres 5 de setembro continuará a programación coa primeira Feira do Libro da comarca, que contará con múltiples actividades literarias: talleres para público infantil, encontros e presentacións con autores como Manuel Rial, Manuel Gago, Patricia Blanco, Vero Rilo, o colectivo Vella Escola, Alberto Mancebo e Avelino González.

O sábado 6 continuará a feira de librarías cunha intensa programación literaria con Diego Garrote, Fran Zabaleta, Eduard Rolland, MagoTeto, Ledicia Costas, Pedro Feijoo e Pablo Rivero, ademais dun club de lectura.
O domingo 7 incluirá teatro histórico no castelo, máis actividades literarias, presentacións de libros e encontros con autores como Rebeca Stone, María Canosa, Amets Arzalluz, Guadalupe Vázquez Formoso e Manuel Rivas, quen participará tamén no club de lectura adulto que pechará a programación. A xornada rematará coa finalización do mural XXL e a colocación dunha placa conmemorativa. Finalmente, o xoves 11 de setembro, ás 11:00 horas, representarase a obra 'Castelao', de Culturactiva Producións, pechando así dúas semanas de intensa actividade cultural.
Inscricións

As persoas que desexen participar nos murais colaborativos e nas actividades de cultura urbana deberán inscribirse de maneira previa a través desta ligazón habilitada.

Do mesmo xeito, as persoas que queiran participar nos diferentes clubs de lectura que se van facer, tanto infantís como para público adulto, teranse que inscribir de maneira previa nesta ligazón.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X