Estás en:Emprego

A Deputación e o Concello de Ferrol completan a renovación integral do alumeado da Malata cun investimento de 1,5 millóns de euros

O Racing estreará a nova iluminación do estadio esta tempada 2025-2026 na Primeira Federación

A Deputación e o Concello de Ferrol completan a renovación integral do alumeado da Malata cun investimento de 1,5 millóns de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o presidente do Racing de Ferrol, Manuel Ángel Ansede Sánchez, e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, visitaron hoxe o estadio municipal da Malata para supervisar o remate das obras de renovación do sistema de iluminación, que o club verde estreará esta tempada 2025-2026.

O proxecto supuxo un investimento total de 1,5 millóns de euros, financiados ao 50% pola Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol, que permitiu dotar o estadio dun moderno sistema de iluminación LED que cumpre cos requisitos técnicos de LaLiga para a retransmisión televisiva en alta definición, mellorando ao mesmo tempo a eficiencia enerxética e a visibilidade no terreo de xogo, mesmo por riba das esixencias actuais da Primeira Federación.

As obras incluíron a revisión, limpeza e tratamento anticorrosión das catro torres de iluminación, a instalación de 27 proxectores LED en cada torre e doutros 120 proxectores no aleiro da cuberta (50 en tribuna, 50 en preferencia, 10 no fondo sur e 10 no fondo norte) con dous tipos de luminarias e sete tipos de ópticas para optimizar a luz en función da zona do terreo de xogo, así como a colocación dun sistema de control centralizado DMX que permite regular e monitorizar a iluminación e implementar espectáculos de luces, que hoxe se testaron durante a visita das autoridades ao estadio. Tamén se instalou un grupo electróxeno de reserva para garantir o subministro aos sistemas de retransmisión e iluminación en caso de fallo na rede eléctrica e substituíuse o actual sistema de pararraios por outro con tecnoloxía de verificación remota e sistema de protección 3.

Valentín González Formoso destacou que a colaboración institucional permite dotar a Ferrol e ao Racing dunha infraestrutura moderna e eficiente, que mellora a experiencia do público e as condicións de xogo, e que coloca a Malata á altura dos mellores estadios do país. "Con este proxecto, Ferrol gaña un estadio mellor preparado para o presente e o futuro", afirmou o presidente da Deputación, que incidiu en que pese ás dificultades buracráticas que enfrontou o proxecto "xa é unha realidade e permitirá gozar dos partidos do Rácing de Ferrol tanto no estadio como na televisión en condicións óptimas, nun campo de primeira". "Que non sexa pola iluminación que non cheguemos a primeira división", afirmou Formoso, que sinalou que "tamén é importante o que non se ve, xa que aínda que haxa un apagón, o sistema de luces permitirá seguir xogando e ofrecendo sinal de televisión".

Rey Varela destacou que a nova iluminación é froito da suma de esforzos entre Deputación, Concello e Racing e subliñou que "A Malata é un campo de primeira e imos a seguir traballando dentro dese gran proxecto da Cidade do Deporte para que agora o seguinte fito sexa a renovación da cuberta. Queremos seguir colaborando co Racing e con todos os clubs da cidade para que entre todos o deporte siga medrando", apuntou o alcalde.

O presidente do Racing, Manuel Ángel Ansede, agradeceu o apoio das institucións e asegurou que "todos puxemos o máximo esforzo para conseguir esta nova iluminación, unha aspiración que tiñamos hai tempo e que La Liga nos esixía. Fomos paso a paso, primeiro coa mellora dunha grada, logo coa iluminación integral do estadio e por último quédanos a renovación da cuberta", afirmou.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X